Ano Castelao

1936-1950. Anos de guerra, anos de exilio

Cando o 18 de xullo se produciu o levantamento militar que deu inicio á guerra civil, Castelao estaba con Virginia en Madrid, a onde se desprazara como deputado para xestionar a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia polas Cortes da República. Dende ese momento e ata o remate da guerra no mes de abril de 1939, Castelao realizou un traballo incansable a prol da causa republicana como orador, escritor e artista. Froito dese compromiso foron os seus tres álbums de debuxos de guerra —publicados en 1937 e 1938— polos que logrou un recoñecemento internacional.

Durante os anos da guerra residiu con Virginia en Madrid, València e Barcelona. Mais o seu labor propagandístico tamén os levou a visitar terras lonxincuas: a Unión Soviética, os Estados Unidos e Cuba. O remate da guerra e a derrota da República coincidiu coa súa estadía nos Estados Unidos, de maneira que ao se ver imposibilitado de regresar a Galicia, o matrimonio tivo que vivir en Nova York con serias penurias económicas, ata que finalmente foi aceptada a súa solicitude de asilo político na Arxentina.

Castelao e Virginia chegaron a Buenos Aires en xullo de 1940, onde existía unha numerosa comunidade galega. Alí Castelao desenvolveu unha intensa actividade política e cultural que tivo como eixos principais a reorganización do galeguismo, a colaboración coa colectividade galega e a relación coas forzas republicanas no exilio. Desta actividade resultou a creación da Irmandade Galega e do Consello de Galiza, a reactivación do pacto de Galeuzca entre os nacionalistas cataláns, galegos e vascos, así como o breve período en que resultou nomeado ministro do goberno republicano no exilio. Tamén foi durante a estadía bonaerense cando veu á luz, en 1944, o seu libro de ensaio político Sempre en Galiza.

Ao estar centrado na acción política tivo poucas oportunidades para desenvolver un labor artístico ou literario. Ademais o empeoramento da súa visión obrigouno a abandonar case por completo o debuxo e a pintura a partir de 1945. Porén, aínda foi quen de estrear en 1941 a obra teatral Os vellos non deben de namorarse e de rematar o seu grande estudo sobre os cruceiros, As cruces de pedra na Galiza, aínda que este só se puido publicar postumamente.

Afectado por un cancro no pulmón, a saúde de Castelao deteriorouse gravemente a partir de 1949 e a causa diso tivo que abandonar as intervencións públicas. O seu pasamento aconteceu en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Nas honras funerarias participaron milleiros de persoas e nos anos posteriores á súa morte a figura de Castelao foi lembrada con devoción pola comunidade galega de Arxentina. En Galicia, pola contra, a súa memoria continuou proscrita e sometida á censura da ditadura franquista. A celebración do seu 75 cabodano este ano 2025 demostra que na actualidade a obra e as ideas de Castelao seguen a ser unha inspiración para todas as persoas que senten un compromiso coa nación galega.

1/13