Ano Castelao

1916-1921: arte, literatura e galeguismo

Dende o ano 1916 Castelao reside con Virginia e co seu fillo Alfonso en Pontevedra, onde traballa como oficial do Corpo Auxiliar de Estatística e como profesor de debuxo no Instituto. El intégrase rapidamente na vida social e cultural da cidade, mais tamén ten lecer para pintar lenzos e murais, ilustrar libros e facer debuxos que logo envía á prensa.

Nesta época ten lugar a súa incorporación ao nacionalismo galego que acaba de nacer coas Irmandades da Fala. A súa militancia nacionalista lévao a publicar n’A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades, e a colaborar coa revista Nós. A partir dese momento, Castelao adopta un firme compromiso co idioma propio do país e fai do galego a lingua de expresión das súas ideas e das súas creacións artísticas.

Tamén é neste tempo cando aparecen os seus primeiros textos literarios e cando se publican as súas reflexións acerca da arte e da caricatura, que difundiu en conferencias impartidas en varias localidades galegas.

Outros dous acontecementos destacan especialmente nestes anos. O primeiro é a exposición de debuxos do álbum Nós, un feito que tivo grande importancia na carreira artística e na proxección pública de Castelao. O segundo é a viaxe por Europa que realizou no ano 1921 grazas á concesión dunha bolsa de estudos para se familiarizar coa arte europea e para aprender técnicas de gravado.

A memoria do Castelao deste período —do debuxante e do literato, do teorizador da arte e do militante nacionalista—consérvase nas revistas e nos xornais da nosa Hemeroteca.

1/11