Nesta ocasión o protagonista é o intelectual Francisco Fernández del Riego, ao que a Real Academia Galega lle dedicou o pasado 17 de maio. Cada centro pode concorrer co proxecto ou proxectos que desexe, tanto aqueles que impliquen toda a comunidade escolar coma con outros de aula, curso, etapa etc. Os colexios deben enviar as ligazóns que amosen ou resuman os seus traballos ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal de acordo coas bases do concurso, dispoñibles en primaveradasletras.gal, onde se divulgarán todas as contribucións. Os centros participantes recibirán un diploma, e os tres premiados un lote de libros.
Primavera das Letras conta dende o seu nacemento, en 2016, co apoio da Deputación da Coruña. Nesta oitava edición a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo foron as encargadas de achegar a figura de Francisco Fernández del Riego ao público máis novo nunha biografía teatralizada, para ler e para representar, que pode descargarse na páxina web do proxecto.
Primavera das Letras conta ademais cunha nova sección, Lingua Guapa, concibida para acubillar contidos para o público máis novo alén da celebración do 17 de maio. Nela pode verse xa a curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, unha película protagonizada polo alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña que explica, a través da fantasía e o humor, como se formou o galego ao longo dos séculos. O filme baséase nunha idea orixinal da académica responsable de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, autora de referencia no eido da literatura infantil e xuvenil.