“Amor disxunto”, pop sintético para a música reservada de Luísa Villalta

O dúo de electrónica-soul Aparato creou o tema “Amor disxunto” como parte da banda sonora orixinal da serie documental web da Real Academia Galega Luísa Villalta, a rebelión da palabra. A canción, baseada nunha das composicións que a protagonista do Día das Letras Galegas 2024 incluíu no seu primeiro poemario, Música reservada (1991), pode escoitarse agora tamén nas plataformas musicais. O grupo compostelán presenta ademais un videoclip no que os versos da escritora escolmados cobran un protagonismo destacado na composición visual.

 

Aparato recibiu o pasado inverno o convite do director Damián Varela para compoñer a banda sonora orixinal da serie sobre a protagonista do vindeiro 17 de maio que produciu a RAG. A raíz desta proposta, os seus integrantes, a artista multidisciplinar María Caramés e o activista sonoro Chus Silva, mergulláronse na figura e na obra da escritora coruñesa. A escolla do poema “Cantas partes de min” -da sección “O oco da palabra” de Música reservada - foi doada. «Cando atopamos o poema que nós chamamos “Amor disxunto”, a canción chegou practicamente sen pensar, foi algo moi orgánico e natural», conta Chus Silva. «Resulta moi gozoso cando o proceso de creación dunha canción flúe dunha forma tan sinxela. Por momentos pensamos que a letra fora concibida para esa música que estabamos poñendo por riba dela. Foi un algo case místico», comparte.

O resultado é un tema de pop sintético, un dos estilos nos que máis cómodo se sente o dúo. «Transmite esa nostalxia retrofuturista en perfecta conxunción co poema de Luísa Villalta, onde a voz e as palabras non se esconden detrás de artificios», engade Chus Silva.

Canto ao videoclip, Aparato aproveitou a intelixencia artificial para crear un mundo no que a poeta conversa coa audiencia a través das paredes dunha cidade imaxinaria. Os versos de Luísa Villalta intégranse nesta paisaxe urbana de ficción e facilitan tanto o uso pedagóxico do vídeo como que a canción se cante en festas e celebracións. 

Música para un episodio artístico
“Amor disxunto” ten un protagonismo especial no sexto episodio de Luísa Villalta, a rebelión da palabra, no que a obra da homenaxeada dialoga coa música, a danza e a dramaturxia. O tema acompaña algunhas das escenas de maior forza do capítulo, escrito en colaboración con Gena Baamonde e interpretado pola outra metade de Vacaburra, Andrea Quintana, e mais a poeta Nuria Vil.