Alumnado de 17 países de tres continentes participa na XXIX edición dos Cursos “Galego sen fronteiras”

Os Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" volven atraer un ano máis a Santiago de Compostela a persoas procedentes de distintos continentes. A XXIX edición deste encontro, organizada pola Real Academia Galega (RAG) coa colaboración do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña, arrincou esta mañá coa benvida aos alumnos e alumnas.

Imaxe de familia de lumnado, profesorado e representantes das institucións que colaboran nos Cursos "Galego sen fronteiras". Autor: RAG


O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, María Dolores Álvarez Pérez; o director dos cursos e secretario da RAG, Henrique Monteagudo Romero; a secretaria técnica dos cursos, Ana Boullón; o director do ILG, Ernesto González Seoane, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participaron no acto inaugural, celebrado na Facultade de Filosofía.

O presidente da Academia agradeceu o interese pola lingua galega dos 63 estudantes matriculados e, lembrando o centenario da fundación das Irmandades da Fala, comparou o seu espírito coa mensaxe do discurso de Antón Villar Ponte titulado A bandeira ergueita. "É fermoso pensar que hai xente que vén aquí abrazar esa bandeira ergueita", concluíu.

O director do ILG recordou que os Cursos "Galego sen fronteiras" naceron hai 29 anos co propósito de abrir Galicia ao mundo partindo da "profunda convicción de que como pobo somos depositarios dun legado lingüístico e cultural que debemos non só preservar, senón tamén compartir cos demais pobos do mundo". Pola súa banda, a vicerreitora apuntou que desde que se celebran estes cursos Galicia está cada vez máis presente en universidades de todo o mundo. Na mesma liña, o secretario xeral de Política Lingüística indicou que neles se formaron numerosos especialistas na nosa lingua, algúns hoxe á fronte dos centros de estudos galegos en distintas partes do mundo.

O alumnado da nova edición dos cursos chega a Galicia para se mergullar na nosa cultura procedente de diferentes comunidades autónomas de España e doutros 16 países de Europa, América e Asia: Alemaña, Reino Unido, Finlandia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza, Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos, Singapur e Xapón. Como explicou a profesora Ana Boullón, ademais de acudir durante as vindeiras tres semanas a clases teóricas e prácticas, os estudantes poderán gozar dunha programación que inclúe conferencias, visitas a lugares de interese cultural e natural e obradoiros de música e baile galego, entre outras propostas.

No apartado de palestras, participarán a cantautora María Xosé Silvar Ses, a escritora e xornalista María Solar, a tamén escritora e catedrática de Didáctica das Ciencias da USC Marilar Aleixandre, o autor e director teatral Cándido Pazó, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, a profesora da Universidade de Varsovia Maria Boguszewicz, o profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee Gabriel Rei-Doval e o académico e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei.

Xesús Alonso Montero, tamén impartirá unha conferencia ao alumnado tras a visita á sede da Academia prevista para o vindeiro 8 de xullo. A Fundación Rosalía, a Fundación Otero Pedrayo ou o Museo do Pobo Galego figuran igualmente na listaxe de visitas dun programa que inclúe ademais, entre outras actividades, un espectáculo do dúo Aldaolado; un recital de novas voces poéticas conducido por Gonzalo Hermo, "Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández" de 2015, e protagonizado por Olalla Cociña, Silvia Penas, Francisco Cortegoso e Xesús Castro; e un obradoiro de música galega a cargo da Central Folque.

Máis información sobre os cursos na bitácora http://cursoslinguagalega.academia.gal