Avanzando un paso máis no seu compromiso por atender as demandas da sociedade galega de hoxe, a Real Academia Galega presentará, o vindeiro xoves 13 de xuño, unha nova versión do seu Dicionario en liña que inclúe un importante incremento das súas prestacións e accesibilidade.
En canto ás novas ferramentas engadidas, esta versión do Dicionario da Real Academia Galega contén un buscador de sinónimos con exemplos de uso, unha listaxe de termos relacionados coa palabra buscada, e a posibilidade de facer procuras avanzadas por lema e contido. Para facilitar a lectura das consultas, foron eliminadas as abreviaturas e no seu lugar aparecen as correspondentes formas plenas dos termos abreviados.No que atinxe ao aumento da súa capacidade de acceso, o novo Dicionario contará cunha versión para móbiles que empreguen os sistemas "IOS" e "Android".
Esta mellora na capacidade de servizo do Dicionario da Real Academia Galega foi desenvolvida en colaboración coa Fundación Barrié de la Maza.