‘Achegas xurídicas a cuestións ambientais', nova xornada do grupo de traballo 'Pensamento e ensaio'

O grupo de traballo Pensamento e ensaio da Real Academia Galega celebrará a súa xornada anual, aberta a todo o público, o vindeiro 16 de setembro. Baixo o título Achegas xurídicas a cuestións ambientais, o encontro pretende compartir reflexións e propostas desde o campo do dereito para a defensa do medio e do patrimonio natural e cultural. Consuelo Castro Rey, Alba Nogueira López, Luís Villares Naveira e Beltrán Puentes Cociña serán os especialistas que participarán neste foro que se desenvolverá a partir das 17 horas na Fundación Luis Seoane (rúa San Francisco, 27 – A Coruña). A entrada é libre. As intervencións poderán seguirse tamén en directo desde academia.gal.

“As cuestións ambientais preocupan á cidadanía galega, en coincidencia co aumento de percepción da crise climática como un problema en España e nos países europeos. O equilibrio entre desenvolvemento e sustentabilidade suscita retos, como a tensión entre, por unha banda, o obxectivo de transición das fontes de enerxía fósiles ás renovables, e pola outra os impactos negativos das instalacións no territorio”, salientan a académica Marilar Aleixandre e a académica correspondente Celia Pereira Porto, coordinadoras da xornada organizada co apoio do Concello da Coruña. Neste contexto, abordaranse, entre outras cuestións, a paisaxe e o patrimonio natural e cultural como categoría xurídica. O programa inclúe ademais a actuación musical de Faia Díaz.

A avogada do Estado Consuelo Castro Rey abrirá a tarde cunha intervención sobre a paisaxe como categoría xurídica e deseguido a académica correspondente Alba Nogueira López, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e experta en dereito ambiental, falará sobre a protección do medio na encrucillada global. O xuíz do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Luís Villares afondará na responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos na costa galega e, por último, Beltrán Puentes Cociña, profesor de Dereito Administrativo da USC, realizará unha exposición sobre economía circular cunha visión crítica do novo paradigma do dereito ambiental europeo.