A VII Xornada de Onomástica Galega aborda a relación entre os nomes propios e a literatura

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle o sábado 15 de outubro, a partir das 10:00 horas, a VII Xornada de Onomástica Galega, dedicada aos nomes propios na literatura. O programa, aberto ao público, inclúe unha mesa redonda (17:00 horas) na que Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey conversarán con Marilar Aleixandre sobre a escolla dos nomes dos protagonistas das súas novelas. Xosé María Álvarez Cáccamo e Magdalena Gamallo poranlle o ramo á xornada cun acto poético e musical titulado “Cántico dos topónimos esdrúxulos” (18:30 horas). As intervencións poderán seguirse tamén en directo dende esta páxina web e a canle de Youtube da RAG.

O encontro será inaugurado ás 10:00 horas polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a académica correspondente Luz Méndez, coordinadora da xornada; e a deputada de Lingua da Deputación de Pontevedra, María Ortega, e mais o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, en representación das institucións que colaboran dende o ano 2016 na celebración desta cita anual.

A partir das 10:30 horas, Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo (UVigo) e presidente da Fundación Rosalía, centrarase na onomástica na obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas; María Xesús Nogueira, profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), achegará unha perspectiva sobre toponimia e ecopoesía nas letras actuais; e Antón Palacio, académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo, fará unha contribución sobre os nomes artúricos nas letras contemporáneas.

Na literatura medieval centraranse deseguido Bieito Arias Freixedo (UVigo), cunha achega arredor da poesía trobadoresca; e Helena de Carlos (USC), que presentará unha contribución sobre etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia.

O programa inclúe tamén, como cada ano, un apartado dedicado ao aproveitamento pedagóxico da toponimia. Nesta ocasión a profesora do IES Rosalía de Castro Marga do Val intervirá a partir das 16:30 horas cun relatorio titulado “A literatura no mapa: a onomástica como identidade”.