A xornalista e escritora é unha figura destacada do feminismo en Galicia, pioneira na defensa da introdución da perspectiva de xénero nos medios de comunicación e na acción política e institucional, dende a que creou a primeira concellería de igualdade e a primeira casa de acollida de mulleres maltratadas de Galicia. María Xosé Porteiro falará na sede da Casa-Museo (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) sobre o papel do feminismo en distintos ámbitos de acción e a importancia de tecer redes entre as mulleres nunha conversa con Pepe Castro, aberta ao público e que poderá seguirse tamén en directo a través da canle de Youtube de Cultura da Coruña.
Autora de varias novelas e ensaios, María Xosé Porteiro exerceu o xornalismo en Radio Popular de Vigo, El País ou La Voz de Galicia nun momento no que nesta profesión a presenza das mulleres era aínda escasa. Na arena política, foi concelleira en Vigo, deputada no Parlamento de Galicia (1989-1997) e no Congreso dos Deputados (2004-2007) e a primeira delegada de Galicia no exterior (2007-2009). Na etapa como concelleira, María Xosé Porteiro fíxose cargo da primeira concellería de igualdade de Galicia (1987-1991) e tamén creou a primeira casa de acollida de mulleres maltratadas na comunidade, así como un dos primeiros centros de información para mulleres.
A convidada deste mes ao ciclo de conversas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán foi designada polo Parlamento de Galicia vicevaledora do Pobo en 2019. Dende ese mesmo ano é tamén coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega.
Debido ás restricións sanitarias por mor da covid – 19, recoméndase reservar praza para asistir á conversa no correo difusion@academia.gal, indicando nome e apelidos e un número de teléfono de contacto.
Polo ciclo de conversas As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán pasarán entre marzo e decembro oito mulleres que destacan en eidos ben diferentes para reflexionar sobre o acadado dende os tempos da escritora en termos de igualdade de xénero e o camiño que queda por andar. O programa xa contou coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a académica Marilar Aleixandre e a gaiteira Susana Seivane. Todas as conversas poden verse na canle de Youtube de Cultura da Coruña.