A escolla de Galicia para ser a anfitrioa desta xuntanza de especialistas en cartografía e toponimia non é casual. Galicia Nomeada, a plataforma para a salvagarda do patrimonio inmaterial toponímico posto en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia, constitúe un referente na colaboración entre institucións cunha base integramente dixital. Desde a estrea a finais de 2019, aglutina nun mesmo espazo máis de medio millón de topónimos e microtopónimos xeolocalizados e dispoñibles para consulta, 60.000 deles achegados polas máis de 3.100 persoas colaboradoras inscritas na actualidade.
Galicia Nomeada será unha das protagonistas do programa, que contará tamén con voces expertas das diferentes comunidades autónomas que forman parte da Comisión Especializada de Nomes Xeográficos para achegaren información sobre os traballos que ligan o mundo dixital coa toponimia nos seus ámbitos de actuación.
O programa incluirá, entre outros relatorios, unha intervención sobre Galicia Nomeada a cargo do coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, que representa a RAG na Comisión Especializada de Nomes Xeográficos xunto á académica correspondente Luz Méndez; haberá distintas contribucións sobre a elaboración e a actualización dos nomenclátores xeográficos de Andalucía, Illes Balears, Asturias, o Instituto Xeográfico Nacional e o Instituto Nacional de Estatística a cargo de María Teresa Garrido, Eulàlia Fons Carbonell, Juncal Mónica García Velasco, Angélica Castaño Suárez, María Natalia Fojo Díaz, respectivamente; Maite Mollà Villaplana presentará un traballo sobre a elaboración da segunda edición das directrices toponímicas de uso internacional para editores de mapas, cartas náuticas e outras publicacións; e Marcos F. Pavo López falará sobre a toponimia en mapas antigos como ferramenta para trazar a súa liñaxe, deténdose na transmisión do topónimo "Elcano" na cartografía dos séculos XVI e XVII.