A veciñanza de Salceda de Caselas aprenderá este venres como colaborar na recolla de microtopónimos coa aplicación Galicia Nomeada

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa a súa xira polo país este venres cunha nova charla no concello de Salceda de Caselas. O público aprenderá nesta sesión, que terá lugar na Casa da Cultura Castelao a partir das 20:00 horas, como usar a aplicación Galicia Nomeada para participar na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

O acto será presentado pola alcaldesa do municipio, María Dolores Castiñeira Alén, e polo concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Alejandro Rodríguez Canosa. Ambos os dous acompañarán o relator, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia, que organiza esta campaña coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua.

O principal obxectivo da charla é involucrar novos colaboradores que se sumen á tarefa xa iniciada neste municipio por persoas como Helena Pousa, profesora xubilada, gran coñecedora da lingua e da cultura do Baixo Miño, e tamén unha das maiores colaboradoras de Galicia Nomeada. Helena xa leva introducidos na plataforma do proxecto máis de 1200 topónimos, feito que a coloca entre as dez persoas que máis achegas levan feito a esta iniciativa colaborativa dende a súa posta en marcha a finais de 2019. 

Parte das súas contribucións, uns 550 topónimos, están localizados nas parroquias de Soutelo e de Entenza, ambas as dúas en Salceda de Caselas. Precisamente, sobre esta última parroquia salcedense, Helena Pousa presentou en febreiro deste ano o traballo Toponimia e cartografía da parroquia de Entenza, unha investigación que durante anos levou a cabo en colaboración co seu fillo Amaro G. Pousa.

As persoas que asistan á Casa da Cultura Castelao tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas. Neste bloque final da charla, descubrirán curiosidades sobre a toponimia local como o feito de que o topónimo Donelle, pronunciado na contorna como Donello, posiblemente proceda de DONNELLUS ou DONNELIUS, forma diminutiva do latín DOMINUS, que dá no galego común a palabra dono e mesmo don. Esta parte da charla conta co apoio na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.