A USC réndelle homenaxe a Xesús Alonso Montero co gallo do seu 95 aniversario

A Universidade de Santiago de Compostela rendeulle homenaxe este mércores a Xesús Alonso Montero con motivo do seu 95 aniversario. O expresidente da Real Academia Galega foi recoñecido pola institución na que foi docente dende os anos 80 do século pasado nun acto no que participaron compañeiros da USC, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e outros membros da Academia, exalumnos e persoas que quixeron sumarse a este tributo a quen é unha figura de referencia dos estudos galegos e mestre de mestres.

Un momento do acto de homenaxe a Xesús Alonso Montero na Facultade de Filoloxía. Fonte: USC

A catedrática Dolores Vilavedra foi a encargada da laudatio de Xesús Alonso Montero, unha persoa -destacou- sempre guiada pola curiosidade intelectual, “unha curiosidade que tivo e ten como únicos límites os da súa propia coherencia”.

A homenaxe, organizada polo vicesecretario da RAG e catedrático da USC Henrique Monteagudo, celebrouse no salón de actos da Facultade de Filoloxía e foi presidida polo reitor, Antonio López. Tras as intervencións do decano da Facultade de Filoloxía, Elias Feijó; o director do departamento de Filoloxía Galega, o académico correspondente Francisco Cidrás; e a laudatio de Dolores Vilavedra, Xesús Alonso Montero pronunciou unha lección sobre Alfredo de la Iglesia (1861-1933), intelectual cuxa historia como primeiro autor dun manual de literatura galega para alumnado de instituto rescatou do arquivo da RAG. A parte musical correu a cargo de Amancio Prada.

A Real Academia Galega tamén celebrou o aniversario do profesor Alonso Montero coa publicación dunha entrevista a cargo de Yolanda Castaño, a primeira dunha serie de conversas con membros do pleno da RAG, a cargo da escritora Yolanda Castaño, e a actualización do seu perfil biográfico nesta mesma páxina web.