Xesús Alonso Montero recupera o primeiro manual de literatura galega para alumnos de instituto

O arquivo da Real Academia Galega conserva desde hai tempo un rico fondo da familia De la Iglesia. Interesado especialmente nun dos seus membros, o intelectual republicano Santiago de la Iglesia, Xesús Alonso Montero foi descubrindo tamén facetas e textos do seu irmán Alfredo. Entre eles salienta o achado dun manual de historia da literatura galega que o catedrático escribiu para o seu alumnado do Instituto de Pontevedra durante o curso 1919-1920, un traballo "insospeitable naquel tempo e naquel autor", recoñece o académico. Xesús Alonso Montero comparte agora co público a descuberta deste texto único e da propia figura do seu autor en Alfredo de la Iglesia. O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto (1919). O novo volume da colección Letras da Academia, que ofrece en edición semifacsimilar o insólito libro de texto, será presentado polo académico o xoves 26 de setembro en Pontevedra.

Xesús Alonso Montero presentará o libro dedicado a Alfredo de la Iglesia e o seu manual nun acto público na Casa das Campás, a partir das 20:00 horas. Acompañarano o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director de área de dinamización cultural, educativa e integración da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho Barral; e Carlos López Font, deputado da Deputación de Pontevedra, institución con cuxo apoio se publica o que é o cuarto volume da colección Letras da Academia.

Alfredo de la Iglesia exerceu como catedrático de lingua e literatura castelá no Instituto de Pontevedra entre 1918 e 1931, ano no que se xubilou ao facer os setenta anos de idade. Alí empregou o seu Resumen de Historia de la Literatura Gallega para desenvolver unha "experiencia totalmente inédita na historia do ensino galego", subliña Xesús Alonso Montero, xa que tivo lugar nuns tempos nos que a literatura galega estaba fóra da oficialidade do ensino.