A serie web das Letras Galegas 2022 afonda no compromiso democrático de Florencio Delgado Gurriarán e a guerra civil

Tras o retrato máis íntimo e familiar do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 que centrou o primeiro capítulo de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, a serie web da Real Academia Galega afonda no novo episodio que estrea hoxe no activismo galeguista do poeta valdeorrés e nos anos da guerra civil. Logo de ter que fuxir do seu fogar, Delgado Gurriarán participou na organización da resistencia republicana, escribindo en páxinas como as de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde viron a luz, entre outros, os seus versos satíricos sobre o golpista Francisco Franco; ou implicándose nos labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas. 

“O compromiso e a guerra” relata como Florencio Delgado Gurriarán inicia a súa actividade política como galeguista en Valdeorras, onde foi un dos principais impulsores das Irmandades da Fala da comarca; a entrada en contacto con intelectuais galeguistas como Otero Pedrayo ou Castelao e a militancia no Partido Galeguista. Co comezo da guerra civil, o avogado poeta tivo que fuxir, primeiro a Portugal e despois a Francia. No ano 1938 chegaría a Barcelona, onde se incorporou á organización na resistencia do Partido Galeguista e desempeñou un papel clave na axuda a refuxiados republicanos, primeiro para saíren de Galicia e despois, cara ao final da guerra, para poñeren rumbo ao exilio en México.

O episodio vaise tecendo coas palabras do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; Elva e Teresa Delgado, e Lucio Santalla, familiares do autor; o historiador e tamén familiar do homenaxeado Ricardo Gurriarán; e a xornalista Margarita Ledo Andión, o historiador Ramón Villares e o filólogo Xesús Alonso Montero, membros de número da Real Academia Galega.

A serie conta coa colaboración especial do actor valdeorrés Paco Campos, que interpreta poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Neste episodio recita “Home pequeno-fol de veneno”, unha sátira sobre o ditador Francisco Franco publicada por primeira vez no ano 1938 en Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos e recollida despois no Cancioneiro da loita galega. O volume foi editado en 1943 polo Partido Galeguista en México, xa dende o exilio, a etapa na que se centrará o terceiro episodio de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda.

A narración audiovisual completarase con outros dous capítulos dedicados á poesía e á lingua do autor. A Real Academia Galega estreará cada xoves, ata a semana previa ao Día das Letras Galegas, un novo episodio.

Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda é unha produción da Real Academia Galega sobre o poeta e activista cultural ao que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio, realizada pola produtora Miramemira e con María Yáñez como guionista. A serie desenvólvese co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, e conta tamén co apoio de particulares, arquivos e institucións que cederon materiais documentais como a Filmoteca de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pablo Iglesias, a Fundación Carlos Velo, o Instituto de Estudios Valdeorreses e as familias de Delgado Gurriarán ou de Guillermo Escrigas.