María Boguszewicz cun grupo de estudantes tras a conferencia, impartida na Facultade de Filosofía da USC. Autor: RAG
A profesora dirixe un centro que está a contribuír de maneira importante á dinamización dos estudos de lingua e cultura galegas en Polonia, salientou o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, na presentación da conferenciante. Boguszewicz dedicou a súa tese de doutoramento á recepción dos textos de propaganda política da primeira metade do século XIX escritos en galego. Hoxe segue a traballar no campo dos estudos galegos desde unha perspectiva comparatista, confrontando a cultura galega con outras minorizadas da península Ibérica e de Europa, como a da rexión polaca de Casubia. Nos últimos anos centrouse nas cuestións da identidade e xénero na historia, literatura e artes plásticas en Galicia, que tamén xurdiron durante a súa conferencia.
O interese mutuo entre Polonia e Galicia adoita relacionarse coa existencia das dúas Galicias pero, á marxe desta coincidencia, Boguszewicz situou a orixe da relación nos alicerces do movemento nacionalista galego, no século XIX. Daquela Polonia, nación sen estado, exercía certa fascinación entre os intelectuais da península Ibérica a través das novas que chegaban desde París dos exiliados polacos. Eduardo Pondal víaa como "unha nación insubmisa, de espírito loitador", e serviulle de exemplo para as súas reivindicación para Galicia. Proba diso é o seu poema "¡Desperta Polska!", no que en realidade se dirixe a Galicia para que berre tomando como exemplo a Polonia, explicou.
No século XX o galeguismo seguiría mirando cara a Polonia e deixando pegadas desta referencia na literatura, como tamén aconteceu con Irlanda, outro referente pola súa loita pola independencia. Unha e outra están presentes n'Os camiños da vida, novela na que Otero Pedrayo inclúe tanto un personaxe polaco, Potocky, como outros irlandeses, os irmáns O'Bryan, recordou.
A profesora tamén se detivo na vida de Sofía Casanova, a primeira muller correspondente no estranxeiro do ABC; e na relación entre Galicia e Polonia a través de artistas contemporáneos. Boguszewicz puxo como exemplo o galego Francisco Remiseiro, artista de éxito no seu país; e o deseñador gráfico Jerzy Janiszewski, autor do logotipo de Solidarnosc, que vive na Coruña desde hai uns anos.