A biblioteca, a hemeroteca, o arquivo e os demais departamentos da RAG procurarán atender, na medida das súas posibilidades, todas as xestións e consultas dos usuarios e usuarias que poidan resolverse por medios dixitais. Os servizos de atención ao público presencial procurarán ademais contactar con todas aquelas persoas que tiñan anunciada a súa visita á Academia nos vindeiros días co propósito de consultar documentos ou fondos bibliográficos e hemerográficos para informalas destas medidas.
O peche temporal para a prevención do contaxio do coronavirus tampouco afectará á operatividade das canles de acceso dixital ao fondo documental e bibliográfico da Real Academia Galega. De igual xeito, está previsto manter con normalidade os labores de actualización desta páxina web, do Portal das Palabras e de Primavera das Letras, así como das contas de Facebook, Twitter e Instagram da institución. A Real Academia Galega informará de calquera novidade en relación coas medidas fronte ao coronavirus a través destas redes e de academia.gal.