A Real Academia Galega pecha temporalmente os servizos presenciais en cumprimento das medidas de prevención do contaxio do coronavirus

Os servizos presenciais da Real Academia Galega serán suspendidos temporalmente, de acordo coas recomendacións establecidas pola Xunta de Galicia para todos os museos, bibliotecas e arquivos en relación coa pandemia do coronavirus. As instalacións da institución, na rúa Tabernas 11 da Coruña, permanecerán pechadas dende o vindeiro luns, 16 de marzo, ata o 30 do mesmo mes. Tampouco abrirá as portas a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, situada no mesmo inmoble, ben que este espazo expositivo xa estaba pechado dende o pasado luns por labores de conservación.

A biblioteca, a hemeroteca, o arquivo e os demais departamentos da RAG procurarán atender, na medida das súas posibilidades, todas as xestións e consultas dos usuarios e usuarias que poidan resolverse por medios dixitais. Os servizos de atención ao público presencial procurarán ademais contactar con todas aquelas persoas que tiñan anunciada a súa visita á Academia nos vindeiros días co propósito de consultar documentos ou fondos bibliográficos e hemerográficos para informalas destas medidas.

O peche temporal para a prevención do contaxio do coronavirus tampouco afectará á operatividade das canles de acceso dixital ao fondo documental e bibliográfico da Real Academia Galega. De igual xeito, está previsto manter con normalidade os labores de actualización desta páxina web, do Portal das Palabras e de Primavera das Letras, así como das contas de Facebook, Twitter e Instagram da institución. A Real Academia Galega informará de calquera novidade en relación coas medidas fronte ao coronavirus a través destas redes e de academia.gal.