Os contos premiados poden lerse nunha publicación dixital dispoñible na páxina web do concurso, relatos.gal, e na sección de publicacións de academia.gal. A gañadora do primeiro premio na modalidade de adultos é Paloma de Toro (Ourense, 1985) con “Non te gastes”, Luca Chao (Lugo, 1988) mereceu o segundo con “Aves de paso” e María Cabaleiro Alfaya (Tui, 1993), o terceiro con “Sara”. Alba Guzmán Falcón (Ourense, 2003) fíxose, con “Bolboreta”, co primeiro premio da modalidade xuvenil, na que Nayara Alonso Barredo (Salceda de Caselas, 2004) foi recoñecida co segundo por “Ela” e Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004), co terceiro por “A choiva”. Álex Gallego Couñago (Arcade; 2010) foi galardoado co primeiro premio de infantil (ata 11 anos) con “Saíndo do túnel” e Niara Cabrerizo Collazo (Moaña, 2013) e Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011), co segundo e o terceiro, respectivamente, por “Unha mala noite” e “Papá”. As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos –ordenadores, consolas, lectores electrónicos- e relacionados coa lectura.
As súas historias son exemplo do crecente éxito do concurso, tanto polo número de textos presentados como pola calidade de moitos deles, destacan os presidentes da RAG e PuntoGal. “Esta é xa unha iniciativa de referencia na que participa xente de todo tipo que sente que ten algo que dicir, e que quere facer chegar a súa mensaxe ao público en galego: dende nenos e nenas de primaria ata as persoas de máis idade, afeccionados e mesmo escritores profesionais unidos pola mesma paixón de contar historias, unha afección estreitamente relacionada coa da lectura e que, neste novo século, agranda o seu alcance a través da Rede”, expresa o presidente da Real Academia Galega.
“A participación tan numerosa de concursantes de todas as idades estase convertendo nun estímulo para a escritura en galego, e nunha vía para que moitos galegos e galegas traten de expresar de maneira literaria as súas ilusións, pero sobre todo as preocupacións, os problemas e as frustracións que están deixando pegada na súa vida. E neste sentido, os microrrelatos non deixan de ser un espello bastante fiel do que está ocorrendo na sociedade”, engade Manuel González.
Víctor F. Freixanes e Manuel González participaron no xurado da categoría de adultos xunto á académica Chus Pato, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, e Alba Tomé, en representación de Luzes, revista que colabora no concurso. Os relatos presentados nas categorías xuvenil e infantil foron avaliados polos académicos correspondentes Xavier Senín e Helena Villar Janeiro; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro tamén do equipo de PuntoGal; e mais o xornalista Lois Alcayde, do comité de redacción de Luzes.
Do debut editorial á escrita máis nova
A gañadora do primeiro premio na categoría de adultos, a ourensá Paloma de Toro, é, cos 36 anos acabados de facer, a veterana entre as persoas galardoadas. Mestra de inglés de profesión, proximamente publicará o seu primeiro libro, A Receita do Queixo Luar, un conto que se lle ocorreu, unha noite agarrada ao pé do seu fillo, matinando sobre os prexuízos que se inculcan dende a infancia en relación coa orientación sexual e a identidade de xénero. A escrita é para ela tanto unha ferramenta de diálogo consigo mesma como co seu fillo, e tamén “un espazo para explicar o feminismo, a realidade trans, o amor cara á lingua galega e outros temas” desde a perspectiva dos pequenos e pequenas. “Non te gastes” é unha historia para un público de máis idade, pero nela tamén denuncia o machismo que oprime as mulleres nun relato que parte de pequenos detalles da vida cotiá. Sobre a violencia de xénero asina ademais unha das colaboracións do libro colectivo Manifesto 25N. Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller (Alvarellos Editora, 2020).
Luca Chao, politóloga e investigadora en ciencia sociais, foi recoñecida co segundo premio de adultos por “Aves de paso”, unha historia de pouco máis dun cento de palabras que convida a reflexionar sobre as consecuencias de ignorar o cambio climático e a non esquecer as vítimas da pandemia do coronavirus. “Penso, leo e escribo todo o que podo”, di. O terceiro premio desta modalidade foi para a María Cabaleiro Alfaya, bióloga especializada en micoloxía.
A concepción da escrita de Alba Guzmán, gañadora do primeiro premio de xuvenil, tamén ten moito de crítica e reflexión social. O seu relato, “Bolboreta”, visibiliza a realidade das persoas transexuais e denuncia a discriminación que sofren dende a escola. O premio da RAG e PuntoGal non é o primeiro de literatura que leva para a casa esta ourensá que acaba de rematar 2º de bacharelato no IES Eduardo Blanco Amor, que dende 2018 xa recolleu 17 galardóns por toda Galicia polos seus textos. Ten gañado outros de poesía ou ensaio xornalístico pero a narrativa breve é o seu xénero preferido. “O que máis me gusta é o microrrelato e sempre procuro que teña algún tipo de mensaxe social”, conta Alba, que ten pensado estudar unha carreira sanitaria pero que sempre se sentiu cómoda tamén nas artes e na literatura.
Nayara Alonso Barredo e Lucía Álvarez Puga, alumnas de primeiro de bacharelato do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo, recolleron o segundo e o terceiro premio da categoría xuvenil con outras dúas historias que son así mesmo un berro contra a homofobia e a violencia de xénero, “Ela” e “A choiva”.
Álex Gallego Couñago, alumno de 5º de primaria do CEIP Manuel Padín Truiteiro de Arcade, mereceu o primeiro premio da categoría de infantil cunha historia sobre a amizade e a esperanza chea de emoción de só 33 palabras. “Saíndo do túnel”, di, é o primeiro relato que escribiu e fíxoo animado polo seu irmán de 16 anos, que tamén participou no concurso. “Gústame moito ler, por iso xa teño unha idea de escribir”, afirma. As gañadoras do segundo e do terceiro premio de infantil comparten o gusto pola lectura. Niara Cabrerizo Collazo, alumna de 2º de primaria do CEIP de Seara, é a máis nova das persoas premiadas e fíxose co segundo galardón da modalidade infantil con “Unha mala noite”, outra historia de só 33 palabras, a máis curta, xunto coa de Álex Gallego Couñago, de todas as recoñecidas nesta edición. Carmen Mendaña Vázquez, alumna do CEIP das Fontiñas de Santiago de Compostela, concursou con “Papá”, o terceiro conto premiado entre os máis de 300 presentados por nenos e nenas de ata 11 anos de idade.
Premios tecnolóxicos e para a lectura
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos –ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros- e relacionados coa lectura. As historias premiadas, xunto ás finalistas, foron ademais publicadas na edición en papel de Luzes, que agasallou as gañadoras da categoría de adultos cunha subscrición dixital á revista.