Abel Caballero recibiu a Víctor F. Freixanes na sede do Concello de Vigo, nunha xuntanza na que tamén participou o académico e expresidente da RAG, Xesús Alonso Montero. Ambas as partes coincidiron na relevancia que a cidade de acollida de Francisco Fernández del Riego debe ter na celebración das súas Letras Galegas.
Vigo é, xunto coa súa terra natal, Lourenzá (Lugo), un dos escenarios vitais fundamentais na traxectoria de quen foi unha das figuras claves do galeguismo progresista da segunda metade do século XX, unha relación que se reflectirá na programación de distintos actos ao longo de 2023.
A Real Academia Galega acordou o pasado mes de xullo dedicarlle o vindeiro 17 de maio a quen foi un dos pais do Día das Letras Galegas, que a institución celebra dende o ano 1963. As Letras Galegas de don Paco coincidirán co centenario do seu nacemento e o sesenta aniversario desta gran festa da cultura galega.