A Real Academia Galega e o Concello de Ames blindan o proxecto ‘Modo galego, actívao!’ cun convenio ata o ano 2026

No curso 2022-2023 a Real Academia Galega e o Concello de Ames estrearon Modo galego, actívao!, un proxecto colaborativo pioneiro que implicou, tras un rigoroso diagnóstico da situación de partida, a posta en marcha de iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas entre a rapazada dos colexios de infantil e primaria deste municipio da área periurbana de Santiago de Compostela. Tras os bos resultados obtidos na experiencia piloto, ambas as partes decidiron estender a colaboración coa sinatura dun  convenio ao abeiro do cal se prevé ampliar o programa aos primeiros niveis da ESO nos vindeiros cursos, entre outras medidas que comparten o obxectivo común de frear o abandono do galego na infancia.

Pola esquerda, Carmen Porto, Blas García Piñeiro e Víctor F. Freixanes na sinatura do convenio. Fonte: Concello de Ames

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, asinaron este mediodía o acordo. O Seminario de Sociolingüística da Academia comprométese neste documento a planificar e detallar as liñas xerais da acción de acordo cos diagnósticos previos; seguir asesorando as persoas ao cargo da organización de distintas actividades orientadas ao público máis novo e achegar propostas de actividades complementarias, de formación ou dinamización lingüística; e colaborar cos centros educativos de infantil e primaria na actualización dos proxectos lingüísticos, entre outras medidas  cun horizonte de execución que chega ata o curso 2025-2026.

“A colaboración que a RAG mantén co concello amesán constitúe unha experiencia de enorme interese no plano da análise científica dende a realización do Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021). Pero a súa maior singularidade radica en que, partindo dese coñecemento xerado, se están a deseñar e poñer en práctica por primeira vez medidas que implican todos os axentes vinculados na educación dos nenos e nenas dun xeito global”, lembra o presidente da Academia. “Cada vez son máis relevantes no comportamento lingüístico espazos de socialización que van alén da rutina diaria nos centros educativos e da propia contorna familiar. E por iso Modo galego, actívao! traballa tamén sobre as actividades extraescolares e de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local, contextos todos eles que deben ser tidos en conta nos diagnósticos e no deseño de propostas que contribúan a frear e a reverter a fenda na transmisión xeracional do galego que tanto nos preocupa”, afonda Víctor F. Freixanes.
 
“Despois dun moi positivo proxecto piloto, entendemos que é necesario un compromiso maior. Durante os vindeiros tres cursos o programa Modo galego, actívao! está garantido nas escolas de Ames, pois as rapazas e os rapaces son o futuro do galego, e é con elas e con eles cos que debemos traballar na conservación do idioma. O Concello de Ames estará sempre á vangarda na defensa do galego”, valora na mesma liña o alcalde Blas García Piñeiro. 

Con este convenio dáse así “un paso máis para estabilizar o proxecto”, engade a técnica de Normalización Lingüística do municipio, Rosa Moreiras, que avanza ademais a intención de estender nos vindeiros cursos estas experiencia máis alá das aulas de infantil e primaria, ata chegar tamén aos primeiros niveis da ESO. 

A concelleira de Educación, Carmen Porto, tamén presente na sinatura do convenio, salienta que pon a súa concellería á disposición para todo o que requira este acordo “co obxectivo de que esta colaboración sexa o máis frutífera posible”.

O Seminario de Sociolingüística presentará proximamente os principais resultados da avaliación da experiencia piloto de Modo galego, actívao! e determinará as posibles melloras para posteriores execucións. Entre outras iniciativas, o pasado curso académico preto de 3000 nenos e nenas amesáns participaron nunha experiencia de inmersión lingüística de tres semanas que por primeira vez se aplicou en todos os colexios dun mesmo municipio a un tempo, contando tamén co conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local. O programa incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só entre o alumnado e o profesorado e demais persoal dos centros educativos, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios.