
Unha das principais accións da Real Academia Galega na que a Deputación da Coruña colabora é a convocatoria dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” para persoas de fóra de Galicia, que atrae cada ano persoas de todo o mundo para aprender e mellorar o seu galego. A subvención de 2025 destinouse tamén á produción da serie documental das Letras Galegas das cantareiras, Se canto é porque quero; fixo posible darlle continuidade ao proxecto para o público infantil Primavera das Letras; e apoiou igualmente a publicación de dous novos volumes da colección Terra Nomeada: Toponimia de Zas, do académico correspondente Xosé María Lema Suárez, e Toponimia de Carnota, de Alfonso Blanco Quintela.
O presidente Henrique Monteagudo agradeceu a achega, de 60.000 euros, da Deputación, unha subvención que permite “a promoción da nosa lingua e culturas entre colectivos tan estratéxicos como a infancia e a mocidade ou a súa proxección internacional”. Pola súa banda, Valentín González Formoso destacou que este acordo “dá continuidade ao compromiso da Deputación da Coruña coa lingua e a cultura galega e coa preservación do nosos patrimonio”. Indicou ademais que a Deputación seguirá reforzando a súa colaboración coa RAG no desenvolvemento de proxectos de “alto valor cultural, educativo e social”.


