O académico correspondente e catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán dirixe o comité organizador do congreso, do que forman tamén parte a académica correspondente e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González, o profesor do Brooklyn College Alejandro Alonso Nogueira e o profesor da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) Santiago Díaz Lage.
O encontro contará entre as persoas relatoras con Isabel Burdiel (Universitat de València), Ana Freire (UNED), Jo Labanyi (New York University), a académica de honra Marina Mayoral (Universidad Complutense), Ermitas Penas Varela (USC), Marisa Sotelo (Universitat de Barcelona), Dolores Thion (Université de Pau), Enrique Rubio Cremades (Universitat d'Alacant) e Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty).
O programa dará continuación aos simposios e congresos dedicados a Emilia Pardo Bazán promovidos pola RAG que tiveron lugar na Coruña entre os anos 2004 e 2008. As sesións estarán abertas ao público previa inscrición e tamén poderán seguirse de maneira telemática. Os traballos presentados no congreso recolleranse posteriormente en La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que edita a Real Academia Galega.
Alén de reunir especialistas na vida e na obra de Emilia Pardo Bazán de prestixio internacional, o encontro contará cunha convocatoria aberta a investigadores en formación.