Ao acto tamén acudiron a directora do ILG, Elisa Fernández Rei; a codirectora dos cursos, a académica de número María López Sández; a secretaria técnica, Liliana Martínez; e a filóloga da RAG e profesora dos cursos Ana Fachal, así como as académicas Fina Casalderrey e Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, que foi a encargada de lle entregar o galardón ao presidente da RAG. Víctor F. Freixanes agradeceulle a todo o equipo de "Galego sen fronteiras" o seu traballo á fronte dunha experiencia que dende a súa posta en marcha contou coa participación de máis de dúas mil seiscentas persoas dos cinco continentes, "os nosos embaixadores polo mundo", engadiu Víctor F. Freixanes.
Moitos dos antigos alumnos e alumnas dos cursos -que se desenvolven co apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia- son na actualidade docentes que ensinan o galego en universidades de diversos países, traducen obras das letras galegas a outros idiomas e realizan contribucións académicas ao campo dos estudos galego dende olladas externas enormemente enriquecedoras.
Entre outros especialistas, pasaron polas súas aulas Johannes Kabatek, catedrático de Lingüística Románica da Universidade de Zürich e académico correspondente; Maria Boguszewicz, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Varsovia; Rob Boland, catedrático da Universidade de Sydney; a poeta e tradutora Erin Moure; a musicóloga Paulina Ceremuzynska; ou José Alberto Fuentes, director de produción d'O corno, a longametraxe de Jaione Camborda premiada coa Concha de Oro do Festival Internacional de Cine de Donostia.
Ademais dos cursos coorganizados pola RAG, os Premios da Cultura Galega 2023 distinguiron a Yolanda Castaño (Letras), o Museo do Gravado á Estampa (Artes Visual), PistaCatro (Artes Escénicas), a Banda de Música Unión de Guláns (Música), Eduardo Pardo de Guevara, (Patrimonio Cultural); Portocabo (Audiovisual), e o proxecto Ponte nas Ondas (Lingua).