A RAG recibe a Francisco José Prieto como novo arcebispo de Santiago de Compostela

O presidente da Real Academia Galega recibiu esta mañá o novo arcebispo de Santiago de Compostela. Víctor F. Freixanes agradeceu a visita de Francisco José Prieto, con quen abordou  a importancia da Igrexa como axente normalizador da lingua galega. No encontro participaron tamén os demais membros da comisión executiva da RAG, Margarita Ledo, Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey; e os académicos de número Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal, activos defensores desde os seus anos universitarios en Roma da galeguización da Igrexa.

1/3

Monseñor Francisco José Prieto visitou a sede temporal da Academia tras o seu nomeamento como arcebispo o pasado mes de abril no marco das entrevistas que está a manter coas principais institucións do país. Víctor F. Freixanes agradeceu o xesto e confiou en que a súa etapa á fronte da arquidiocese compostelá facilite a galeguización da Igrexa, seguindo o ronsel de antecesores no posto como Manuel Lago González (1865-1925). O relixioso tudense, membro fundador da RAG e protagonista do Día das Letras Galegas de 1973, empregou a principios do século pasado a lingua galega e abriu expectativas importantes para o seu uso que logo se viron truncadas, lembrou o presidente. 

“A incorporación do galego á liturxia supuxo un esforzo grande, no marco do Segundo Concilio Vaticano, que en moitos aspectos segue pendente de realización. A normalización do noso idioma pide a súa presenza activa tamén no culto relixioso e un compromiso decidido por parte da xerarquía católica”, salientou Víctor F. Freixanes. “A Igrexa galega sabe que conta coa RAG para canto signifique avanzar no uso do noso idioma no ámbito relixioso, na medida en que o consideramos unha expresión máis das preocupacións íntimas da comunidade”, concluíu.

O arcebispo amosou pola súa banda a súa vontade de darlle pulo á lingua do país no seo da Igrexa galega. “Todos temos que facer un esforzo como Igrexa para que a liturxia se normalice na vida das nosas comunidades parroquiais. Na responsabilidade que me toca de liderar a Igrexa en Galicia, tratarei de que se abran camiños para que esa normalidade vaia chegando non nun horizonte afastado senón cotián”, expresou monseñor Francisco José Prieto. 

O prelado anunciou que proximamente sairá do prelo a segunda edición do Misal en galego, mais recoñeceu que non abonda con dispoñer de recursos deste tipo. “Podemos ter libros editados pero fai falta ademais ter suficiente sensibilidade e compromiso”, advertiu. O arcebispo agradeceu ademais o labor da RAG en defensa da lingua e da cultura galegas. “Desde 1906 temos unha institución que coida da nosa lingua, que a promove, que defende unha forma de expresión que non é só unha gramática e un dicionario, senón unha maneira de vivir e de ser, a cultura de ser galegos”, valorou.