A RAG foi a única institución dunha lingua minorizada presente no encontro en liña convocado pola ABL, coa que mantén un acordo de amizade e colaboración dende o ano 2019, lembra Henrique Monteagudo. O presidente da ABL, Marco Lucchesi, definiu o encontro coma “un primeiro paso e tamén un xesto histórico” que reúne por primeira as academias implicadas de cara á creación dun espazo de intercambio de experiencias no campo da lexicoloxía e a lexicografía.
No encontro tamén participaron Claudio Marazzini, presidente da Accademia della Crusca; Aurora Egido, secretaria da Real Academia Española; Paz Battaner, directora do Diccionario de la Lengua Española; Gabriela Haja, investigadora responsable do departamento de lexicoloxía do Institutul de Filologie Română A. Philippide; Santiago Kalinowski, director do departamento de investigacións lingüísticas e filolóxicas da Academia Argentina de Letras; os profesores Pedro Rodríguez Pagani, Josefina Raffo e Sol Portaluppi, da mesma institución; e Shahira Mahmud, xefa do sector de lexicoloxía e lexicografía da Academia Brasileira de Letras.