María López-Sández e Manuel González presidiron a entrega dos premios dunha convocatoria á que se presentaron uns 850 contos de ata 200 palabras. Na entrega participaron ademais a académica María Dolores Sánchez Palomino, membro do xurado das categorías infantil e xuvenil; e Ana Cermeño, editora da revista Luzes, que publicará no seu vindeiro número en papel as nove galardoadas e mais as seis finalistas. Os textos gañadores poden lerse xa nesta edición dixital.
“O do microrrelato, un xénero esencialmente posmoderno, malia a súa brevidade non é un xénero menor”, lembra María López-Sández, que traza unha pequena historia do xénero. “Caracterízase pola condensación e por como traballa coa intertextualidade e co efecto sorpresa, tamén pola súa subversión. Manexar as súas claves, como vemos nos relatos premiados, ten por tanto un mérito inmenso”, valora a tesoureira da RAG. "Entre os relatos distinguidos temos desde un achegamento ao xénero negro, cunha habelencia narrativa que realmente nos sorprendeu; ata outros textos que malia a súa brevidade teñen moi presente o aspecto social e xogan coa sensibilidade ambiental e a propia identidade galega cunha apertura cara ao futuro. Nun tempo moi breve permiten facer moita descuberta", engade.
“Os relatos presentados amosan que en Galicia temos un enorme potencial de talento literario en todas as idades”, expresa na mesma liña Manuel González. O presidente de PuntoGal destaca ademais que este concurso demostra “que é posible contar grandes historias ou expresar grandes preocupacións en poucos caracteres dunha maneira brillante, e que a lingua galega é un instrumento válido e fermoso para narrar calquera tipo de situación en calquera rexistro, desde o familiar ata o máis requintado”. Neste sentido, chama atención sobre o positivo feito de que nos últimos anos entre os participantes e gañadores do concurso haxa cada vez un maior número de persoas nadas fóra de Galicia ou con raíces noutras latitudes. "Son persoas que necesitamos para normalizar a nosa lingua, para facer normal a nosa cultura. Persoas que sen renunciar á súa cultura de orixe tamén adoptan a nosa", subliña.
Categoría de persoas adultas
Sonia Corral Franco (As Pontes, 1979), licenciada en Publicidade e diplomada en Relacións Laborais, recolleu o primeiro premio na categoría de persoas adultas por “Trapos sucios”, unha historia que entronca co xénero negro e que introduce a crítica social a partir dunha aparente simple descrición. Lectora compulsiva, esta veciña de San Sadurniño comezou a escribir cando foi diagnosticada dunha doenza que lle condicionou toda a vida. Dende entón leva colleitada máis dunha ducia de galardóns. “A literatura desempeñou un papel crucial, actuando como a mellor das menciñas. Axúdame a pensar, pero paradoxalmente tamén a deixar de facelo, acalmando a miña rebuldeira mente cando non atopa acougo”, compartiu no acto, no que lle agradeceu á súa familia que a animase a concorrer ao primeiro concurso que gañou.
Marcos Taracido (Pontevedra, 1971), profesor de secundaria veciño de Teo e gañador do segundo premio por “O corvo”, quixo facer unha chamada a prol do futuro da lingua do país partindo do seu propio texto. “O galego é o corvo na gaiola; podemos mirar para el e admirar a súa beleza e as súas habelencias e seguir paseando coma o neno do microrrelato, ou podemos romper a gaiola”, comparou.
Lara Costas Lago (Redondela, 2004) recibiu o terceiro premio por “Mans de sal”, unha historia da memoria e resistencia do mundo das mariscadoras de só 169 palabras.
Xunto a María López-Sández e Manuel González, o xurado encargado de avaliar as 425 historias presentadas por persoas maiores de idade compuxérono o académico de número Víctor F. Freixanes, a filóloga e membro do equipo de PuntoGal Cristina Ríos e mais a filóloga Inés Sánchez, asesora de Luzes. No seu veredicto tamén escolleron como finalista os contos “Corpo que se afunde no mar”, do vigués Axel Cuíñas, e “A sentenza”, de Manuel González Seoane (Vilagarcía de Arousa, 1955), quen en 2024 se fixera co terceiro premio de persoas adultas. A académica Dolores Sánchez Palomino leu ambos os relatos no seu nome.
Os máis de 400 textos presentados nas dúas categorías para autoras e autores de menos de 18 anos avaliounos o xurado que integraron as académicas Fina Casalderrey e María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; a membro da directiva de PuntoGal Concha Losada; e o xornalista Fernando Mahía, do consello de redaccións de Luzes.
Na modalidade xuvenil, recolleu o primeiro premio Iria Iglesias Mouriño (Santiago de Compostela, 2015), estudante do IES Antonio Fraguas, por “Ensaios para desaparecer”. “Hai dores que apenas se nomean porque custa demasiado miralas de fronte. Eu escribín sobre unha delas: a de converterse nun descoñecido para quen máis amas. A de descubrir que alguén que foi o teu fogar, a túa historia e a túa memoria xa non recoñece o teu nome nin o lugar que ocupaches na súa vida”, explicou.
O segundo premio na modalidade xuvenil é para “O eco das mareas”, unha evocadora historia sobre o mundo do mar e a memoria de Juan Domínguez de la Torre (Vigo, 2011), veciño de Panxón (Nigrán) e alumno de terceiro da ESO do CPI Arquitecto Palacios. “O meu avó Antonio foi a miña inspiración”, confesou o mozo, que procede dunha familia mariñeira. Aínda que el non continúe coa tradición, “o mar corre pola miñas veas”, asegurou.
Uxía Nogueira Bodega (Vigo, 2012), veciña de Ribadumia e alumna do IES de Meaño, recibiu o seu terceiro premio por “Unha fenda de luz”, un canto á esperanza fronte ao acoso escolar. “O bullying fainos sentir pequenos. Pero hai pequenos xestos que nos poden facer medrar e saír, Oxalá esta historia sirva para sementar fendas de luz a quen máis o necesite”, dixo. Tamén recolleu o seu diploma de finalista por “O reloxo” Raquel Pérez López (Ribadeo, 2009), alumna de primeiro de bacharelato do IES Dionisio Gamallo. Non puido asistir Sabela Rodríguez Pérez (Pontevedra, 2009), veciña de Marín e alumna de primeiro de bacharelato do IES Illa de Tambo, finalista con “A nena da estación”.
Na modalidade infantil Smahan Essaidi (Santiago de Compostela, 2015) recibiu o seu primeiro premio por “Bo proveito!”, un emotivo conto sobre o feito de romper a falar en galego cando as túas raíces están noutro país. A alumna do noiés CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso trasladou coas persoas asistentes a súa “enorme alegría” e tivo palabras de especial agradecemento tanto para a súa familia coma para as súas mestras, Carmen Bello e Vanesa Caamaño, que tamén asistiron ao acto. “Para min, escribir é parte da miña vida, é inventar mundos, personaxes e viaxar sen moverme do meu cuarto”, compartiu.
Os agradecementos ao profesorado repetíronse nas intervencións das demais premiadas. Carla Merino Suárez (Madrid, 2015), veciña de Lalín e alumna do CEIP Xesús Golmar, dirixiunos especialmente á súa mestra Saila por animala a participar e ensinarlle “que as palabras teñen poder”. “Prometo seguir escribindo e seguir soñando en galego, porque esta lingua é a miña tamén”, concluíu a gañadora do segundo premio infantil por “O espello”.
Laura González Martínez (Vigo, 2015), alumna de Las Acacias e gañadora do terceiro con “Cando o vento borboriñe”, referiuse igualmente a súa paixón pola escritura. “Para min este premio é moi importante, xa que son unha gran lectora e gústame moito escribir”, recoñeceu.
No acto recolleron tamén os seus diplomas as finalistas na categoría infantil: Irene Suárez Rodríguez (Lugo, 2015), alumna do CEIP das Mercedes da cidade da Muralla xa premiada na edición anterior, desta volta con “Cando a escola volva a abrir”; e Alba González Meizoso (Abegondo, 2014), do CEIP San Marcos, con “A sombra da noite”.


