A Real Academia Galega e PuntoGal agardan repetir o éxito das anteriores convocatorias, Dende a súa creación no ano 2018, o concurso contou coa participación de preto de 4000 persoas e contribuíu a visibilizar dende novos autores e autoras das letras galegas de curta idade como Nee Barros (2002) e Alba Guzmán (2003) a debutantes serodios no mundo editorial como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950).
Os relatos presentados na categoría de adultos serán valorados desta volta polo xurado composto polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e tamén académico de número, Manuel González González; a académica de número María Dolores Sánchez Palomino; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Rosalía Macías Tarrío. O xurado das modalidades infantil e xuvenil integrarano o académico de número Gonzalo Navaza, a académica correspondente Celia Pereira Porto, a profesora da Universidade de Vigo e secretaria da xunta directiva de PuntoGal, Edita de Lorenzo, e o mestre e escritor Lois Pérez.
As persoas gañadoras recibirán distintos premios tecnolóxicos —ordenadores, consolas, lectores electrónicos de libros— e relacionados coa lectura. As bases completas e a lista de premios están dispoñibles na páxina web do concurso. As historias premiadas serán publicadas nas páxinas das dúas entidades organizadoras e na edición en papel da revista Luzes, que colabora nesta iniciativa dende a súa posta en marcha.
Este ano cóntase tamén coa colaboración da axencia de publicidade júnior Freshy Sweet, formada integramente por estudantes de Publicidade e Comunicación Audiovisual. A axencia naceu no campus de Pontevedra da Universidade de Vigo como traballo de fin de grao dun alumno que quixo comprobar que sucedería se un grupo de estudantes se organizaba como unha axencia profesional. Once anos despois, a supervivencia da organización demostra que o proxecto foi todo un éxito. O equipo renóvase cada curso, nutríndose de novos perfís para cubrir o oco dos integrantes que marchan ao se graduar.
Un punto de encontro para narrar a actualidade dende as formas do s. XXI
“Este concurso que compartimos cos compañeiros de PuntoGal invita a exercitar a lingua nun espazo novo, que é tamén un espazo do tempo presente. Unha lingua do século XXI necesariamente invita a crear e comunicar nas formas do século XXI, explorando toda a súa potencialidade e as súas posibilidades”, salienta o presidente da Real Academia Galega. Víctor F. Freixanes subliña ademais a creatividade demostrada cada ano no concurso polas persoas participantes de todas as idades. “ Non son os máis novos os menos creativos, nin os de máis idade descoñecen os recursos das novas formas de narrar: brevidade, economía de recursos estilísticos, precisión na linguaxe, intensidade, xunto cunha gran variedade de asuntos que en xeral abranguen a realidade toda que vivimos”, valora. “Unha das características dos textos que se presentaron en edicións anteriores foi a cantidade de temas referidos a cuestións de actualidade”, engade nesta liña.
“A lectura dos textos do concurso de microrrelatos ofrécenos unha visión extraordinaria de cales son os problemas que máis preocuparon á sociedade no pasado recente, pero nestes textos tamén se adoitan reflectir feitos máis ou menos anecdóticos que por algunha razón tiveron certo impacto social”, abonda o presidente de PuntoGal. O concurso funciona ademais como “punto de encontro de toda a sociedade galega que ten ganas de expoñer por escrito en poucas palabras unha historia, unha vivencia, unha preocupación, unha ilusión”, valora Manuel González González. “É un punto de encontro no que participan escritores consagrados, pero tamén un grandísimo número de afeccionados que nunca publicaron nada. É un lugar de encontro das distintas xeracións: dos maiores, pero tamén da nosa mocidade e da infancia”, analiza.
Promoción para os novos rexistros do dominio galego
A sexta edición do concurso de microrrelatos coincide coa nova campaña de PuntoGal, “unha das máis atractivas do ano 2023”, que ofrece dous anos de rexistro por un máximo de 15 euros máis IVE, indica o director xeral Darío Janeiro. Os rexistradores acollidos á promoción son Dinahosting, Openprovider, OVH e INWX. As condicións da promoción poden consultarse en dominio.gal/promocions/ ou dirixíndose directamente ás empresas rexistradoras.
O número de dominios .gal segue a medrar e suma xa máis de 6800 rexistros. PuntoGal, entidade sen ánimo de lucro, reinviste os beneficios que obtén da súa xestión en actividades de fomento da cultura, a lingua e a tecnoloxía en Galicia e en galego. Alén do concurso de microrrelatos, entre os últimos proxectos dos que forma parte figura o ambicioso programa do Museo do Pobo Galego para a conservación do patrimonio inmaterial galego (APOI); o patrocinio das Gaélico Escolas, iniciativa didáctica para que os máis novos practiquen e coñezan o fútbol gaélico; e o apoio a iniciativas de autoedición ou a organización xunto con GCiencia dos premios Spin-Off PuntoGal que salientan o traballo no ámbito da ciencia e a investigación nas universidades galegas.