A RAG e o Parlamento de Galicia analizan posibles proxectos de colaboración

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e os tamén membros da comisión executiva da institución Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga mantiveron esta mañá unha xuntanza de traballo co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. No encontro analizáronse posibles novas iniciativas de colaboración entre a RAG e a Cámara galega. 

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Miguel Ángel Santalices, Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga. Foto: Parlamento de Galicia


Miguel Ángel Santalices recibiu os membros da comisión executiva da Real Academia Galega na sede do Parlamento de Galicia. Ambas as dúas institucións colaboraron con anterioridade na mostra itinerante 51 páxinas das nosas letras, inaugurada en 2013, ano no que se celebrou o quincuaxésimo aniversario do primeiro Día das Letras Galegas. A exposición constaba das Medallas das Letras Galegas, realizadas por Siro López e Manuel Ferreiro Badía e pertencentes á colección de arte da Cámara galega, textos divulgativos sobre os autores homenaxeados, elaborados polos membros da Academia, e un vídeo sobre a historia da celebración.

Ademais de exhibirse no Parlamento e en 17 localidades galegas, tamén puido verse en Barcelona, Madrid, Bruxelas, Buenos Aires e Montevideo.