A Academia e o Consello da Cultura soben á Rede 156 cartas de Emilia Pardo Bazán

Tal día coma hoxe, o 12 de maio de 1921, morría Emilia Pardo Bazán. A Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega elixiron esta simbólica data para publicar na Rede as 156 cartas do seu epistolario conservadas no arquivo da RAG, na mesma casa, na rúa Tabernas 11 da Coruña, que foi o fogar da escritora na súa cidade natal. A difusión realízase no marco do Proxecto Epístola do CCG grazas ao convenio subscrito entre ambas as institucións e inclúe misivas enviadas e recibidas pola autora entre 1879 e 1917. A Academia, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, celebrou tamén hoxe a efeméride cunha lectura colectiva de textos de Pardo Bazán e a entrega dos premios do concurso de relatos A Erbeda, que debe o seu nome ao topónimo literario que a autora lle deu á aldea de Palavea. 

Os participantes na lectura colectiva e os premiados no Certame de relatos breves A Erbeda posan ao comezo da celebración. Fonte: RAG

Aínda que hai nomes significativos como Eduardo Pondal ou o mesmo o Rei Afonso XIII, o núcleo central do epistolario que xa está dispoñible na páxina web do Proxecto Epístola está composto por 87 cartas dirixidas por Emilia Pardo Bazán á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada. Os textos permiten explorar o universo íntimo da escritora no que fala da morte de seu pai; de como era a súa vida en París ou Madrid ou as súas frecuentes viaxes. E tamén reflicten trazos definitorios da súa personalidade, como é a súa claridade á hora de abordar a condición das mulleres e os seus dereitos, cun enfoque tan moderno e inigualable entre as escritoras do momento. “Mi influencia no existe. Si yo fuese un hombre, y hombre político, entonces se podría esperar algo. Pero desde mi posición literaria no debo esperar que me atiendan sinó en un grado muy relativo” afirma nunha das cartas.

Na correspondencia publicada, presentada polo CCG no marco dun especial que concentra máis información sobre Pardo Bazán, hai outros grupos menores de cartas, como as enviadas a Eduardo Pondal, do Emilia Pardo Bazán se confesa amiga e admiradora; ao director de La Voz de Galicia, Marcelino Dafonte, ao que lle comenta novas que aparecen nese xornal; ou correspondencia con José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colabora no deseño e decoración figurativa na construción das Torres de Meirás, ao que lle di: “Na Torre en construción, que es la que yo he de habitar, quisiera imprimirle alguna huella personal, para cuando la visiten -si la visitan- los curiosos del año 2000”.

A riqueza deste conxunto epistolar recolle tamén cartas con destacados intelectuais franceses contemporáneos á escritora, como o escritor Jean Lorrain ou a viúva de Émile Bertaux, relevante historiador da arte hispana. Ademais, o fondo inclúe borradores de cartas como a que Emilia Pardo Bazán lle escribe ao Rei Alfonso XIII. Nesta carta recoméndalle mellorar o papel da muller en España expoñendo que para iso é necesario aproximar o país ás correntes máis modernas do resto de Europa nese ámbito.

Lecturas para a igualdade
A defensa incondicional da igualdade entre mulleres e homes que Emilia Pardo Bazán expresou nos seus textos e no seu xeito de vivir estivo tamén moi presente na lectura colectiva organizada pola Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, no marco da programación co gallo do centenario da autora. As iniciativas estenderanse ao longo de todo o ano e terán como acto central o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois. A cita desenvolverase na Coruña e Santiago de Compostela a finais do mes de outubro, cadrando coa chegada á cidade natal da autora da exposición, Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad, na que a RAG colabora achegando case un terzo das pezas.

O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, abriu o acto desta mañá lembrando o vínculo entre Emilia Pardo Bazán e a institución. A intelectual foi nomeada presidenta de honra da RAG no momento da súa fundación e hoxe a Academia custodia boa parte do seu arquivo e biblioteca persoais por decisións da súas herdeiras, ademais de xestionar ademais a súa Casa-Museo, recordou. Víctor F. Freixanes referiuse tamén á parte da biblioteca da autora que permanece en Meirás. “Esperamos podela recuperar como patrimonio da sociedade galega”, confiou.

 

O responsable da Academia compartiu a lectura dun fragmento de Los pazos de Ulloa, a primeira novela que, confesou, mercou de mozo cos seus aforros. Víctor F. Freixanes abriu o acto acompañado, en representación do Concello da Coruña, polo edil José Manuel Lage Tuñas, que escolleu o relato “Feminista”; e a directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a académica Marilar Aleixandre, que puxo tamén o acento na defensa que a homenaxeada fixo do acceso das mulleres á educación e a todas as profesións en pé de igualdade cos homes.

O acto, conducido pola conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, contou ademais coas intervencións de Sara, Lucía, Daniel, Rocío e Lidia, estudantes do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, que insistiron nas calidades literarias e no carácter pioneiro da escritora; o editor Eduardo Riestra, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés e Fernando Cazenave, Elena Lombán, Gloria Pereiras e Rosana Rivas, de Guías de Galicia.

A Palavea de Pardo Bazán
A celebración concluíu coa entrega dos premios do I Certame de relatos breves A Erbeda, organizado pola asociación veciñal “Os nosos lares” de Palavea e que conta coa colaboración da Academia. O concurso recupera o topónimo literario que Pardo Bazán lle deu a este barrio coruñés e réndelle tamén homenaxe á autora, que dominou con mestría a arte dos contos curtos. Carolina García Vázquez, alumna de 3º da ESO do colexio Santa María do Mar, mereceu o premio na categoría para persoas de ata 14 anos pola historia titulada “Teatro” e Miguel Fernández Rey, veciño tamén da Coruña e xubilado, fíxose co galardón ao mellor relato da categoría a partir de 15 anos.

Os dous gañadores deron lectura aos relatos premiados, que recibiron de mans do presidente da RAG e do vicepresidente da asociacón veciñal “Os nosos lares”, Álvaro Benedicto Pérez Sancho.

O vicepresidente da asociación veciñal "Os nosos lares", Álvaro Benedicto Pérez Sancho, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, entréganlles os seus diplomas a Carolina García Vázquez e Miguel Fernández Rey. Fonte: RAG

Tradución ao galego de principal ensaio feminista da autora
A celebración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán permitirá ler en galego o ensaio “La educación del hombre y la mujer”, publicado pola escritora en Nuevo Teatro Crítico no ano 1892. A edición da tradución será patrocinada polo Parlamento de Galicia, segundo se acordou hoxe na xuntanza que mantiveron no Hórreo o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Marilar Aleixandre, que escribirá o limiar do volume. A encargada de verter o texto ao galego será Mónica Bar Cendón.

O artigo é o texto feminista máis importantes de Pardo Bazán. A autora argumenta neste traballo por que as mulleres deben ter acceso á educación e a calquera profesión en igualdade de condicións cos homes, e analiza os fundamentos da discriminación das mulleres nun momento en que a súa formación regrada remataba aos 9 anos.

Marilar Aleixandre, Miguel Ángel Santalices e Víctor F. Freixanes nun momento da xuntanza no Hórreo. Fonte: Parlamento de Galicia