A RAG e Alingua asinan un protocolo para impulsar accións a prol do idioma co foco na infancia

Os presidentes da Real Academia Galega e da Asociación de Entidades Locais pola Lingua (Alingua) asinaron este mediodía un protocolo de colaboración co obxectivo de desenvolver conxuntamente iniciativas para a promoción e a difusión do galego. Ao abeiro deste acordo, ambas as entidades agardan impulsar a realización de mapas sociolingüísticos escolares nos municipios que forman parte de Alingua e mais a extensión do proxecto de investigación e acción para a infancia Modo galego, actívao!, promovido polo Seminario de Sociolingüística da RAG.

“A Real Academia Galega congratúlase de poder chegar a un acordo que reforza o compromiso de case unha vintena de concellos co reto colectivo de atallar a ruptura da transmisión interxeracional do galego”, salienta o presidente da Academia, Henrique Monteagudo. “Afrontamos un desafío que esixe medidas desde diversos estamentos, empezando polo goberno autonómico, pero as administracións locais poden explorar tamén novos vieiros e adquirir un rol de maior relevancia. Por iso valoramos especialmente que, a través deste protocolo, as entidades socias de Alingua reafirmen a súa vontade de seguir a dar pasos nesa dirección, nesta ocasión en colaboración coa RAG e seguindo o ronsel do proxecto piloto que desenvolvemos da man do Concello de Ames, que é parte desta rede”, engade.

“Este protocolo é un bo punto de partida para que os concellos empecen a traballar coa RAG, para socializar as súas contribucións, e tamén para que o traballo que xa están a facer as administracións locais colla máis pulo”, apunta o presidente de Alingua. “Permitiranos avanzar nun ámbito clave, o do uso da lingua na vida cotiá da infancia máis alá da educación regrada, neses espazos de convivencia onde se constrúe a identidade lingüística de verdade. Modo galego, actívao! demóstranos que podemos intervir con metodoloxía e, sobre todo, con avaliación, algo esencial sempre e máis na aplicación de políticas lingüísticas”, valora Ramón Varela. 

Alingua agrupa os concellos de Carballo, A Coruña, Ames, Pontevedra, Moaña, Betanzos, Narón, Rois, A Baña, Ferrol, O Grove, Cedeira, Ponteceso, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Santa Comba, Santiago de Compostela, Val do Dubra e Vilagarcía de Arousa, e conta ademais coa Deputación de Pontevedra e a InvestiGal - Rede Galega pola Investigación como entidades amigas.  A infancia e a mocidade son tamén a principal destinataria de proxectos da asociación como Enreguéifate, Youtubeiras, Club de Debate ou Apego, experiencia esta última centrada nos primeiros anos de vida que incide, como Modo galego, actívao! na idea de que “o futuro da lingua se constrúe desde os vínculos e desde os afectos”, relaciona Ramón Varela.

Unha experiencia deseñada para ser replicable  
O protocolo entre a RAG e Alingua rubrícase dous meses despois da celebración en Rois dunha xornada na que os concellos de Alingua coñeceron en detalle Modo galego, actívao!, o programa para a infancia froito dunha colaboración entre a RAG e o Concello de Ames que arrincou no ano 2018. O primeiro paso nesta alianza foi a elaboración do Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un exhaustivo diagnóstico que serviu de punto de partida para o deseño do proxecto de inmersión lingüística, que se basea nunha serie de actividades e reflexións para normalizar o uso do idioma non só no día a día nas escolas amesás, senón tamén nas actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas pola administración local. 

“Concibimos desde o primeiro momento Modo galego, actívao! como un banco de probas no que ir desenvolvendo medidas para reverter o forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás que se constatou no acceso ao sistema educativo. E fixémolo coa idea de que sexa extensible e replicable noutros concellos do país. Desde a Academia ofrecemos orientación e apoio, o protagonismo corresponde agora a cada localidade e ás respectivas comunidades educativas. Esperamos que o exemplo de Ames sexa inspirador e que cada vez sexan máis os municipios que activen o modo galego entre os nenos e nenas e a mocidade”, expresa Henrique Monteagudo.

O presidente da RAG e o presidete de Alingua asinaron o protocolo de colaboración na sede temporal da Real Academia Galega. No acto no tamén participaron por parte da Academia a secretaria, Ana Boullón; a arquiveira bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino; e a tesoureira, María López-Sández. Por parte de Alingua, acompañaron a Ramón Varela Rodríguez, do Concello de Carballo, o secretario e o tesoureiro, Demetrio Gómez Xunqueira e Uxío Novo Rey, dos concellos de Pontevedra e A Coruña; así como as técnicas de normalización lingüística Nuria Seoane e Xulia Rigueiro, do Concello da Coruña, e Carme Pereiro, do Concello de Carballo.