Galicia é un país especialmente rico en nomes de lugares. O Nomenclátor recolle 37.308 rexistros de lugares habitados, unha cuarta parte dos de toda España, e no caso dos microtopónimos estímase que os 500.000 recollidos supoñen só un terzo dos que existen. Co propósito de preservar este rico patrimonio inmaterial, Víctor F. Freixanes e Alfonso Rueda abordaron a posibilidade de colaborar para impulsar os traballos de estudo dos topónimos e avaliaron a idea de propoñer que esta colaboración se estenda tamén as deputacións provinciais.
O presidente da Academia ofreceulle ao vicepresidente da Xunta unha visión global dos traballos que desenvolve a institución neste e noutros eidos da lingua e da cultura galegas. O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, tamén participou na xuntanza celebrada en San Caetano, que se desenvolveu nun ambiente de boa sintonía e cordialidade.