
O 30 de setembro de 1906 o salón da Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesán da Coruña acollía a inauguración oficial da Real Academia Galega. Nas vésperas do seu 120 aniversario, a institución abre hoxe unha nova sección na súa web para divulgar a súa historia de maneira sintética e visual, guiada por máis de medio milleiro de imaxes entre fotografías, documentos, páxinas de publicacións periódicas e libros que custodia. O percorrido que irá trazando, parte da memoria do país, ábrese coa entrega “Fundación. Herdo e compromiso do Rexurdimento” e avanzará cronoloxicamente, semana a semana, ata chegar a finais de ano ata os tempos actuais.
“A Real Academia Galega é a institución civil de ámbito galego máis antiga das creadas por iniciativa cidadá. Foi un froito serodio pero poderoso e perdurable do Rexurdimento, e nin nos momentos máis difíciles da súa longa historia, marcada pola marxinación e desatención do Estado, deixou de atender o seu compromiso inicial”, apunta o seu presidente, Henrique Monteagudo. Naquel tempo de cambio de século, concibírase como unha ferramenta para a afirmación da identidade colectiva da sociedade galega, o estudo da súa historia e da súa cultura e, especialmente, para a defensa, o fomento e ilustración do seu idioma propio. Máis dun século despois, “A RAG proponse manter o seu servizo á sociedade galega e dar resposta aos novos retos formulados á nosa lingua e á nosa cultura”, engade o máximo responsable da institución, encargada do establecemento da norma do galego.
Todo isto, das luces ás sombras, de onte a hoxe, é o que pretende mostrar a Academia no novo sitio web co gallo dun aniversario que espera culminar proximamente co regreso á súa sede da rúa Tabernas da Coruña, tras se someter o histórico edificio a unha rehabilitación integral. A singradura que hoxe enceta na Rede rememora así os primeiros compases da Academia, que se creara formalmente na Casa do Consulado da Coruña un ano antes da efeméride que se celebra esta semana. Entre os documentos que se amosan, figura a acta daquela xornada de constitución do 4 de setembro de 1905. Nela pódense ler os nomes dos 40 académicos de número fundadores, entre eles o seu primeiro presidente, o historiador e xornalista Manuel Murguía, e o poeta Eduardo Pondal, autor da letra do Himno e membro do grupo galeguista coruñés da Cova Céltica que tanto peso tivo na posta en marcha da Academia.
Pero falar do nacemento da RAG esixe mencionar outros persoeiros que, sen pertenceren a ela, desempeñaron un papel crucial na súa xestación alén mar: o ferrolán Xosé Fontenla Leal e o poeta celanovés Manuel Curros Enríquez, principais impulsores da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en Cuba. A primeira entrega do sitio web detense nesta e noutras entidades protectoras da RAG xurdidas na emigración americana e dedícalles senllos apartados a ambas as figuras. O álbum daqueles anos nútrese das icónicas fotos da última visita a Galicia (1904) do autor de Aires da miña terra —unha delas considerada o retrato dos fundadores da Academia— e do seu multitudinario cortexo fúnebre en marzo de 1908 polas rúas da Coruña: tras a repatriación do seu corpo desde A Habana, unhas 40 000 persoas acompañaron o féretro ata o cemiterio de Santo Amaro.
Sesión inaugural, lazos internacionais e presenza feminina
A escolma documental reproduce así mesmo o manuscrito do discurso que Manuel Murguía pronunciou na sesión inaugural da RAG que se desenvolveu no salón de festas da Unión Recreativa e Instrutiva de Artesáns o 30 de setembro de 1906, a crónica daquel serán que publicou Valentina Lago Valladares —baixo o pseudónimo Hipólita Muíño— nas páxinas da Revista Gallega, ou o telegrama de felicitación do filólogo sueco Göran Björkman, no que se le Vivat floreat natio galaico (Que viva e floreza a nación galega).
Björkman —tradutor ao sueco de Rosalía e outras figuras das letras galegas— e Lago Valladares comparten a condición de seren dous dos primeiros membros correspondentes da Academia. O estudoso nórdico é un dos intelectuais nos que a RAG procurou desde os comezos unha proxección internacional que, como non podía ser doutro xeito, tendeu pontes especialmente con Portugal. Estas alianzas abordaranse noutro dos episodios, “Azos de fóra”, que recorda a condición de correspondentes, tamén desde os inicios, de Carolina Michaëlis de Vasconcelos e outros nomes da filoloxía e a literatura do país irmán como Teófilo Braga, José Leite de Vasconcelos e Eugénio de Castro.
Canto a Lago Valladares, o seu perfil aparece recollido na entrega desta semana no apartado “Académicas”, que se repetirá nos episodios dos seguintes períodos históricos como exercicio de visibilización das mulleres que foron parte dunha institución que, como aconteceu adoito nas entidades do seu tempo e da súa natureza, non se caracterizou por recoñecer as súas achegas. Porque se ben Emilia Pardo Bazán fora nomeada xa en 1905 presidenta de honra da RAG polo seu papel nunha das iniciativas que a antecedeu, a Sociedad del Fok-lore Gallego, a presenza feminina restrinxiuse durante moito tempo á categoría de correspondente, sen dereito a voto no pleno da Academia. Como tal entraron así nos primeiros compases da institución, ata o ano do pasamento de Murguía en 1923, un total de 23 mulleres, entre elas Fanny Garrido, Clara Corral Aller, Filomena Dato Muruais, Eugenia Osterberger ou Francisca Herrera Garrido. Esta última sería en 1945 a primeira muller elixida membro de número.
Do dicionario á consolidación do himno e da bandeira
Atención destacada merece tamén no capítulo primeiro do espazo do 120 aniversario a información relativa ao traballo lexicográfico da Academia. Seis anos despois da súa inauguración, comezou a distribución en cadernos do seu primeiro dicionario que, continuando a liña doutros decimonónicos, foi redactado en castelán. Entre 1913 e 1928 publicáronse 27 fascículos que suman preto de 12 500 voces. Esta obra incompleta rematou na voz “cativo” xa no período en que se centra a entrega da semana que vén, “No Ronsel das Irmandades”. Nela afondarase no período comprendido de 1924 a 1935, cando o inesperado pasamento de Martínez Salazar, considerado o herdeiro natural de Murguía, supuxo un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión das remesas cubanas e a ditadura de Primo de Rivera.
A progresiva parálise na que caeu a RAG viuse paliada naqueles anos polo labor das Irmandades da Fala (nadas tamén na Coruña en 1916) e do Seminario de Estudos Galegos (fundado en Santiago de Compostela en 1923), iniciativas que contaron en calquera caso cunha destacada participación de distintos académicos. Secasí, a RAG desempeñou nese tempo un papel de relevo na configuración da memoria colectiva galega mediante homenaxes e publicacións, e contribuíu decisivamente na definición dos símbolos do país, nomeadamente o himno e a bandeira, que polas restricións que impuñan as autoridades do Estado español comezaran a empregarse primeiro nas colectividades da diáspora ca na propia Galicia.
Unha físgoa nas tebras: o día das Letras Galegas e a superación da diglosia
“Os anos escuros”, o terceiro episodio, repasará a vida da Academia de 1936 a 1960, marcada pola guerra civil e os anos máis duros do franquismo. “Mudan as vontades” profundará nos anos seguintes ata 1977 cando, aínda baixo a ditadura, a RAG acorda en superar a diglosia e escribir todos os seus documentos e escritos público en galego (1963), adopta varios acordos para reclamar o uso do idioma propio na liturxia ou na educación e aproba as súas primeiras Normas ortográficas (1970).
Neste período acontece outro fito: a creación do Día das Letras Galegas, a conmemoración máis importante e de maior repercusión social da nosa cultura. A primeira celebración, cadrando co centenario en 1963 da publicación de Cantares gallegos, tivo como protagonista a Rosalía de Castro (1837-1885). A súa estrela é a imaxe central que guía o percorrido por estes 120 anos de historia. Unha aventura que, como expresa o lema da RAG con respecto ao idioma, Colligit, expurgat, innovat (“Recolle, escolle e innova”), parte do mellor herdo do pobo galego e traballa para o seu futuro.


