Baixo o título Mil son eu tan só, tan soa, o simposio, coordinado polas académicas Margarita Ledo Andión e Ana Romaní, arrincará o martes 19 de novembro con dous relatorios da poeta e Eva Veiga e o músico Paulino Pereira. A primeira xornada continuará cunha mesa redonda coa crítica literaria e profesora da USC María Xesús Nogueira, o académico correspondente e profesor honorario da UDC Luciano Rodríguez e a escritora e profesora da UVigo Rexina R. Vega.
O mércores 20 de novembro a filóloga e ensaísta Inmaculada Otero Varela afondará na narrativa de Luísa Villalta e o escritor e crítico literario Henrique Rabuñal, na súa obra dramática. Deseguido a académica Chus Pato, Estíbaliz Espinosa e Tamara Andrés, tres poetas de diferentes xeracións, comporán unha mesa redonda, moderada pola académica correspondente Mercedes Queixas, na que reflexionarán sobre o feito de ler a Villalta.
O poeta Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a profesora honoraria da UDC Pilar García Negro ofrecerán o xoves 21 senllos relatorios sobre a lírica e o ensaio da homenaxeada. A tarde continuará cunha mesa redonda sobre a cidade da Coruña na obra de Luísa Villalta protagonizada por Teresa Seara, Xurxo Souto e Miguel Anxo Fernán Vello, e con Cesáreo Sánchez Iglesias como moderador.
O programa contempla ademais a participación da fotógrafa Maribel Longueira, coautora do volume Papagaio, no que os versos de Villalta dialogan coas súas imaxes sobre o derrubamento do barrio da prostitución da Coruña; e as actuacións de Uxía e Indóciles, a proposta multidisciplinar de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut arredor da vida e da literatura da protagonista destas Letras Galegas.