Emilia Pardo Bazán foi nomeada presidenta honoraria da RAG en 1905 e a sede da institución dende 1978 está no que foi o fogar da escritora na súa cidade natal, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña, tras a doazón da súa filla Blanca en 1956. A primeira planta do inmoble acolle a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. A biblioteca da RAG conserva preto de 8.000 volumes da autora. Parte deles atopábanse no domicilio coruñés, pero a Academia conseguiu recuperar a maioría do pazo de Meirás tras o incendio que se rexistrou neste edificio en 1978 e poñelos a disposición das persoas que investigan a vida e a obra da autora. Os demais títulos non puideron recuperarse polo momento das Torres de Meirás. A RAG considera que a declaración como BIC do conxunto deste patrimonio bibliográfico facilitará a súa conservación e, como paso necesario cara á súa consecución, está a completar o inventario deses tres mil douscentos títulos que son tamén patrimonio colectivo, nunha iniciativa impulsada por Xulia Santiso, conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. A listaxe está neste momento pendente de ser publicada tras o traballo de sistematización da profesora Cristina Patiño Eirín.
"Consideramos que a biblioteca ten un extraordinario valor documental, histórico, biográfico e intelectual pola significación dos títulos e porque é a crónica íntima da escritora", declara Víctor F. Freixanes, presidente da RAG. "Dende hai anos a RAG traballa na unificación dese patrimonio no edificio da rúa Tabernas, que foi residencia coruñesa da autora, para facelo accesible a investigadores e a todas as persoas interesadas na obra de Emilia Pardo Bazán", engade.
Arquivo persoal
O legado de Emilia Pardo Bazán conservado na RAG inclúe tamén o arquivo de Pardo Bazán, composto por manuscritos, galeradas, notas de traballos e fotografías e outros documentos persoais que fan tamén do arquivo da Academia un referente de primeira orde para o estudo da autora. Os documentos abranguen case todos os campos cultivados pola escritora, dende o relato curto, a novela, a poesía e o teatro ata a crítica literaria, artigos e crónicas xornalísticas ou conferencias, así como unha importante colección de receitas de cociña. A descrición do arquivo pode atoparse en liña no Arquivo Dixital de Galicia onde, ademais da descrición da totalidade dos documentos, os usuarios poden acceder a 9.700 imaxes dixitalizadas.
Emilia Pardo Bazán, de costas, ante as Torres de Meirás en construción. Fonte: Arquivo Pardo Bazán