O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, e a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, abrirán o acto, de entrada libre ata completar a capacidade da sala. A cita no MARCO, organizada co apoio da Deputación de Pontevedra, poderá seguirse tamén en directo desde academia.gal.
A convocatoria permitirá escoitar nas voces de Rexina Vega, Marga do Val, Manuel Forcadela, Fina Casalderrey, Andrea Nunes, Elvira Ribeiro, Pepe Cáccamo, Ana Romaní, María Reimóndez, Camiño Noia, Míriam Ferradáns e Xavier Baixeiras unha escolma de poemas de Queizán recollida na plaquette conmemorativa do mesmo título: María Xosé Queizán. A escrita sen límites. O público será agasallado con esta edición ao coidado da académica Ana Romaní, na que os versos escollidos polas autoras e autores convidados se acompañan de pequenos comentarios, declaracións que deixan constancia da admiración e do recoñecemento que suscita unha pioneira que, en palabras de Margarita Ledo, “trae a experiencia das mulleres para o centro da trama”.



