A RAG celebra a declaración de 2026 como Ano Oteriano

A Real Academia Galega celebra a declaración do Parlamento de Galicia de 2026 como Ano Oteriano. A institución conmemorará os cincuenta anos do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) divulgando a súa obra e figura e promovendo novas olladas arredor do legado de quen foi membro da RAG desde 1929.

Ramón Otero Pedrayo (ARAG)

O presidente da Academia participou desde a tribuna de convidados na sesión deste mércores en que os deputados e deputadas aprobaron o texto. Henrique Monteagudo confía en que, como sucedeu neste 2025 coa conmemoración do Ano Castelao, o Ano Oteriano contribúa ao mellor coñecemento do escritor, profesor, político e orador excepcional entre a mocidade e o conxunto da sociedade, case catro décadas despois de que a institución da que formou parte lle dedicase o Día das Letras Galegas en 1988.

A declaración do Parlamento de Galicia recoñece a Otero Pedrayo como “figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea”. “Profesor, ensaísta, xeógrafo, novelista, político e membro destacado das Irmandades da Fala e máis tarde do Partido Galeguista, Otero Pedrayo foi un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”, engade a declaración, que pode lerse na súa versión íntegra na web da Cámara galega.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, no centro da imaxe, xunto ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, na foto de familia tras a aprobación da declaración institucional do Ano Oteriano. Fonte: Parlamento de Galicia