O autor da obra, Xosé Ramón Pena, no centro da imaxe, acompañado polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o editor Manuel Bragado. Autor: RAG
A difusión xornalística e editorial de Leandro Carré e Ánxel Casal, o Seminario de Estudos Galegos, Noriega Varela, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey, Manuel Antonio e o manifesto Máis alá!, Luís Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro e os ismos, a Xeración Nós, Otero Pedrayo, Castelao ou Rafael Dieste son algúns dos fenómenos e autores que Xosé Ramón Pena analiza neste volume dunhas cincocentas páxinas sobre os que denomina "anos de prata" da literatura galega. "Eu son optimista histórico e daquela penso que a idade de ouro da literatura galega aínda está por vir, ou igual a estamos vivindo agora. Pero vendo o que se fixo ata a data, se a nosa idade de ouro é a Idade Media, eu diría que a etapa que comprende este volume é a idade de prata da literatura galega, que vén coincidir co que o profesor Mainer lle chamou no seu día os anos de prata para a literatura española. Hai unha coincidencia nese particular. Para min esta sería a idade de prata da nosa literatura", expresou Pena.
Esta Historia da Literatura Galega completarase previsiblemente con dous volumes máis, ata chegar ao momento actual, que autor e editorial esperan poder presentar nos vindeiros dous anos. "É a enciclopedia literaria de Galicia, podería denominarse así", expresou o presidente da RAG, que gabou o traballo que está a realizar o Pena tanto pola cantidade do material que manexa como pola contextualización que ofrece de cada momento histórico. "Xosé Ramón Pena é historiador do feito literario, pero o feito literario escríbese nun contexto que hai que tratar de entender desde a política, desde a historia, incluso desde a economía, e xa non digamos desde a socioloxía, onde está algo tan importante como a sociolingüística. Todo isto e moito máis hai neste novo volume e nos anteriores", valorou Alonso Montero.
O obxectivo da obra é "configurar un relato coherente, actualizado e eficaz da produción literaria galega e da súa produción crítica dende a Idade Media ata a actualidade", resumiu Manuel Bragado, que salientou ademais que se concibe como un proxecto con "clara intencionalidade didáctica" de grande utilidade para que o profesorado de secundaria actualice os currículos no ámbito da literatura galega.
Xosé Ramón Pena salienta tamén o carácter divulgativo da obra: "En primeiro lugar intento explicarme a min mesmo que aconteceu. Comezo por aí e ao mesmo tempo penso como llelo explicaría aos amigos, ás persoas que me rodean".