Pola esquerda, Christian Casares, fillo de Carlos Casares e delegado de La Voz de Galicia en Pontevedra; o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o director do xornal, Xosé Luís Vilela; e o escritor Antón Riveiro Coello, autor da biografía. Autor: RAG
"Don Francisco, o pai de Carlos, foi quen me aprendeu a ler, e Carlos foi quen me aprendeu a soñar en galego, na lingua que sempre escoitaba na miña casa". Antón Riveiro Coello sintetizou así o vínculo afectivo, e tamén familiar, que o uniu cun "escritor excepcional" e "persoa fantástica" que "sempre puxo a Galicia por diante". O cariño que sente aínda por el tratou de llelo transmitir aos lectores e lectoras dun libro que, segundo Christian Casares, fillo do homenaxeado e delegado de La Voz de Galicia en Pontevedra, sería moi do seu gusto "porque é unha biografía que se le como unha novela". O título evoca a mirada da inocencia da nenez que Casares mantivo toda a vida e a importancia deses seus primeiros anos na comarca da Limia, porque "as claves da literatura de Carlos Casares están na infancia", asegurou o autor.
Xunto a Antón Riveiro Coello e Christian Casares, na mesa de presentación do libro tamén estivo o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela; e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. O gaiteiro Carlos Núñez puxo a nota musical coa interpretación da canción Mister Coruña, "composta por un descendente dunha poetisa escocesa que lle deu de beber a John Moore na batalla de Elviña", e o Himno galego.
A capacidade de Carlos Casares de conseguir expresar "coas palabras máis sinxelas a forma de pensamento máis profundo" foi unha das calidades da súa figura que quixo destacar Xosé Luís Vilela. Unha arte, "a do estilo que non se nota", que plasmou na columna diaria que escribiu durante dez anos en La Voz de Galicia, "Á marxe", e na súa literatura, recordou o xornalista, que tamén quixo recordar "o Carlos amigo".
Víctor F. Freixanes tamén gabou o estilo da prosa dun "personaxe extraordinariamente rico" que sempre exerceu a "liberdade de pensamento" e o compromiso con Galicia. "Carlos Casares traballou polo país con todo o corazón e intelixencia. A capacidade de negociación, de conciliación, de crear espazos de entendemento, foron uns dos valores que o distinguiron, e que seguen sendo moi necesarios. Espazos nos que, tendo ideas distintas, poidamos establecer obxectivos estratéxicos polos que paga a pena ceder todos un pouquiño para poder avanzar ás veces pasos xigantescos", concluíu o presidente da Real Academia Galega.