A película pode verse nesta páxina web e na canle de Youtube da RAG, pero esta será unha ocasión para gozar dela nunha pantalla grande e conversar cos directores, Damián Varela e Alba López, as actrices e os actores e outras voces que participaron no filme. O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, participará na apertura desta cita, que contará ademais co académico correspondente Ramón Nicolás como condutor do coloquio.
A literatura de Begoña Caamaño, atravesada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, dialoga coa memoria íntima e colectiva nun retrato coral que van ganduxando, entre outras voces, a súa irmá Beatriz Caamaño; a actriz viguesa Maika Aguado, amiga da infancia de Begoña Caamaño; a xornalista Amanda Álvarez, estreitamente vinculada a ela dende os seus inicios profesionais en Vigo; o académico Víctor F. Freixanes, con quen cadrou primeiro en Radio Popular de Vigo e que pasado o tempo sería o editor en Galaxia das súas dúas novelas; a especialista en Historia Antiga da Universidade de Vigo Susana Reboreda, quen constatou antes da publicación da súa ópera prima, Circe ou o pracer do azul, o gran dominio que tiña Begoña Caamaño dos mitos gregos; e a súa compañeira na Radio Galega e académica Ana Romaní e mais a crítica literaria María Xesús Nogueira (unha das primeiras estudosas da súa obra), coautoras de Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño, acabada de saír do prelo.
Diálogo coa interpretación
As personaxes de Begoña Caamaño toman corpo e presenza na pantalla en cápsulas dramatizadas. Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, estudantes da ESAD Galicia, interpretan fragmentos de Circe ou o pracer do azul (2009) na praia de Barra e levan á escena a Sherezade, a narradora das Mil e unha noites, arredor da cal a escritora pretendía pechar a súa triloxía sobre os mitos. A bailarina Elsa Pereira é quen se converte na protagonista de Morgana en Esmelle (2012), acompañada pola narración na voz da propia Begoña Caamaño nun dos documentos sonoros do arquivo da CSAG que se integran no filme.
Cóntase ademais coas nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo de Vigo, nos papeis de Begoña Caamaño e a súa amiga Maika Aguado na infancia. A praia do Tombo do Gato é nesta pasaxe o espazo de maxia e liberdade que rememora a voz en off de Maika Aguado nunha conmovedora lembranza que identifica na nena que foi Begoña Caamaño o agromar da creadora na que se convertería.
A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo. O IES Castelao e o IES Alexandre Bóveda de Vigo –onde ela estudou– , son así parte dos escenarios de reflexión das novas xeracións, así como do club de lectura que tamén aparece no filme.
O antigo Instituto Coia 2 foi precisamente o pasado 10 de abril escenario da primeira presentación do documental, no marco do acto de homenaxe do centro educativo á autora. A RAG tamén elixiu outro centro educativo vigués, o CEIP O Pombal, no barrio da infancia de Begoña Caamaño, para a presentación de Primavera das Letras. An Alfaya, compañeira no Coia 2 e na carreira da homenaxeada, é a autora da historia para o público infantil sobre a autora que pode descargarse na web do proxecto, un texto teatral, para ler e representar dentro e fóra das aulas, que ilustrou Laura Romero.
Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul é unha produción da Real Academia Galega realizada por Miramemira co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.


