A Primavera das Letras de Florencio Delgado Gurriarán comeza no colexio de Vilamartín de Valdeorras

A Primavera das Letras comezou no colexio de Vilamartín de Valdeorras, o concello da comarca de Valdeorras onde naceu Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). A Real Academia Galega presentou no CEIP Xosé Manuel Folla Respino, da man da súa comunidade educativa, unha nova andaina dun proxecto posto en marcha en 2016 para achegar a figura homenaxeada cada 17 de maio aos nenos e nenas de infantil e primaria. Entre outras novidades, na etapa que comeza a institución contará con escritoras e escritores de literatura infantil para lle dar a coñecer á xente miúda a vida e obra da persoa protagonista do Día das Letras Galegas, explicou a directora do proxecto, a académica Fina Casalderrey. Ledicia Costas, unha das autoras de máis éxito do momento, asina a biografía do poeta valdeorrés xa dispoñible na páxina web primaveradasletras.gal, á que lle pon cor coas súas creacións a ilustradora Blanca Millán. 

1/16

A proposta seguirá ademais a ofrecer actividades interactivas e o concurso Contádenos o voso Día das Letras, e estreará proximamente unha nova sección para, alén da celebración do Día das Letras Galegas, ofrecer outros contidos divulgativos da lingua e da literatura galegas e favorecer o diálogo cos centros escolares. Todas as propostas de Primavera das Letras son desenvolvidas co apoio económico da Deputación da Coruña.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e Fina Casalderrey deron a coñecer a nova edición de Primavera das Letras nun acto no que tamén interviñeron o director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, José María González Cubelos; Priscila Núñez, en representación das familias do alumnado; a directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes; e o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro. Pero os verdadeiros protagonistas desta primeira homenaxe da Real Academia Galega a Delgado Gurriarán na súa terra foron os nenos e nenas da única escola deste concello do extremo oriental ourensán, que conta con vinte e cinco menores matriculados, varios deles veciños e veciñas de Córgomo, a parroquia onde naceu o homenaxeado. Parte do alumnado interpretou en directo a adaptación musical do poema “Vente, ventiño do norte” realizada polo mestre de música, Jaime Díaz Paradelo, e na páxina web do proxecto pode verse xa un vídeo no que participa boa parte do alumnado do colexio dramatizando e recitando outras composicións do poeta de Valdeorras.

O Florencio neno chegado do Máis Alá
“Con Primavera das Letras, a Real Academia Galega quere achegarse aos máis novos para que coñezan un pouco máis da nosa literatura. Estou seguro de que, da man dos mestres e mestras, este ano van coñecer un capítulo importante da nosa historia e, polo tanto, do que somos e do que podemos ser no futuro”, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, que tamén puxo o acento no papel esencial das familias na transmisión interxeracional do idioma. “As nais e os pais sodes moi importantes para a lingua galega, tendes un papel fundamental para que os nenos e as nenas a sintan como algo propio, sementado no corazón dos afectos”, expresou.

Estas son as primeiras Letras Galegas, engade o presidente, nas que a Academia mira cara a unha parte moi concreta desa historia recente, a do exilio mexicano, onde Florencio Delgado Gurriarán e outras personalidades da diáspora mantiveron viva a lingua e a cultura galega con iniciativas como a revista Vieiros. Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil con Escarlatina, a cociñeira defunta e creadora da serie Os minimortos, achega episodios coma este ao público infantil nun relato biográfico, presentado en catro fichas descargables, cheo de emoción e amenidade.

“Ledicia, coa maxia do seu talento literario, conseguiu traer o Florencio neno do Máis Alá, non podía ser doutro xeito, para que el mesmo, en primeira persoa, nos relate a súa infancia en Córgomo e convídanos a subir canda el nese barco que cruzou o océano dende Bordeos ata Veracruz. Dos seus medos, das emocións, dos libros que escribiu, das revistas que puxo a andar... de todo iso nos fala”, resumiu Fina Casalderrey. “Oxalá que, ao coñecer a súa figura, todos os nenos e nenas de Galicia acaben poñendo tamén en papeliños, como facía Florencio Delgado Gurriarán, Quérote, Galicia, e se convertan nunha especie de robinsons da nosa lingua, e que xuntos fagan que o galego continúe durante moitas primaveras máis, como quería Cunqueiro e como queremos todos nós”, expresou.

Un orgullo e exemplo para toda a comarca de Valdeorras
O director do CEIP Xosé Manuel Folla Respino destacou tamén a oportunidade que significan as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán para o fomento da lingua galega entre as xeracións máis novas. “Sentímonos moi orgullosos de que o noso Corgomófilo sexa a figura homenaxeada o vindeiro 17 de maio. A súa elección significa para nós o recoñecemento da cultura valdeorresa, e desexamos que sexa un referente para as futuras xeracións desta comarca e que axude a fomentar o uso do galego entre elas”, dixo.

Priscila Núñez, en nome das familias, insistiu igualmente no que significan as Letras Galegas 2022 para a comarca, “pois colocou esta terra marabillosa no mapa da cultura”, e compartiu a ilusión infantil que significaba para ela a celebración do Día das Letras Galegas no mesmo colexio que hoxe acolleu a presentación de Primavera das Letras. “Todos poñiamos o maior empeño posible para sacar o mellor de nós: o mellor artista, o mellor escritor, o mellor debuxante”, lembrou. “De pequenos soñabamos con este día e agora que son nai podo vivilo cos meus fillos, e explicarlles o valor da cultura e da memoria viva transmitida de xeración en xeración”, engadiu.

A directora do proxecto As Letras de Florencio, Débora Álvarez Moldes, animou o alumnado a seguir a celebrar a figura e a obra do autor durante todo o ano e compartiu a memoria do poeta valdeorrés e de Carlos Velo, tamén exiliado en México, que lle transmitiron as súas avoas. O escritor e o cineasta, explicou, son só dous exemplos de que o día de mañá os nenos e nenas de hoxe poderán facer todo o que se propoñan en lingua galega.

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, salientou pola súa banda a oportunidade que significan as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán para “encher o rural de cultura e arte” e animou tamén a todos os nenos e nenas do colexio a axudaren neste labor.