A nova executiva da Real Academia Galega entrevístase coa alcaldesa de Santiago de Compostela

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, entrevistouse este mediodía coa alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, no marco da súa primeira visita institucional ao Concello de Santiago de Compostela como máximo responsable da entidade. No encontro tamén participaron a secretaria da RAG, Ana Boullón Agrelo; a tesoureira, María López-Sández; e a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino, membros da nova comisión executiva. Posteriormente, arroupado por membros da corporación municipal, asinou no Libro de Honra do Concello.

1/4

A marcha dos traballos do mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela, que a Real Academia Galega está a realizar no marco dun convenio asinado co Concello, foi un dos asuntos abordados na xuntanza. Tras concluírense os labores de recolla de datos coa colaboración dos centros educativos composteláns, o Seminario de Sociolingüística está a avanzar na elaboración dun informe que axudará á definición de novas estratexias para o mantemento e recuperación do galego entre os nenos e nenas e adolescentes do municipio.

Ambas as partes manifestaron tamén o seu interese en colaborar na celebración das Letras Galegas 2026, que estarán dedicadas a Begoña Caamaño. A alcaldesa recordou o vínculo da escritora e xornalista coa cidade de Santiago de Compostela, onde residiu dende os anos 90 do século pasado ata o seu pasamento en 2014.