A nova executiva da Real Academia Galega reúnese coa alcaldesa da Coruña

A comisión executiva da Real Academia Galega mantivo esta mediodía unha entrevista de presentación coa alcaldesa da Coruña no pazo de María Pita. O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, e o seu equipo expuxéronlle a Inés Rey os principais proxectos nos que a institución traballará neste novo período. Ambas as partes abordaron, entre outros asuntos, a previsión de regreso da RAG á súa sede unha vez conclúan as obras de rehabilitación integral do histórico inmoble da rúa Tabernas da Coruña.

Henrique Monteagudo e Inés Rey nun momento da xuntanza. Fonte: Concello da Coruña

A secretaria da Academia, Ana Boullón; a tesoureira, María López Sández; e a arquiveira bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino, participaron canda Henrique Monteagudo na xuntanza. Por parte do Concello da Coruña, asistiron tamén o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro Prado, e o director de Cultura, Uxío Novo Rey.

A reunión enmárcase na rolda de presentacións institucionais da nova executiva da RAG, á fronte da Academia desde o pasado mes de abril. Entre outras iniciativas, a executiva presentoulle a Inés Rey a proposta de creación dunha fundación pro-Academia que aglutine apoios de distintos axentes sociais para a promoción das actividades da institución.

Canto aos proxectos máis inmediatos nos que está a traballar a Academia en relación coa lingua, o novo equipo lembrou que na primeira metade do novo mandato se prevé presentar o Dicionario castelán-galego, a Gramática da lingua galega ou o Dicionario de apelidos, e reiterou a necesidade de que se acade un pacto polo idioma do país.

Un momento da xuntanza no pazo de María Pita. Fonte: Concello da Coruña