O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, subliñou na súa intervención a importancia do labor de Elixio Rivas e aplaudiu o proxecto escolar que dá continuidade e proxecta o seu traballo a través da tecnoloxía, facendo visible para o conxunto da cidadanía un patrimonio común de enorme riqueza.
O profesor Elixio Rivas participou na homenaxe de xeito virtual a través dun pequeno vídeo no que agradeceu o proxecto que está a dar a coñecer a súa investigación entre a mocidade de Marín e a darlle un novo pulo a través de Galicia Nomeada. A proposta coordinada por Héctor Silveiro –profesor tamén do colexio San Narcisco– busca agora tamén implicar no rexistro xeolocalizado dos topónimos a través desta aplicación os demais centros de ensino de Marín, as familias e as entidades culturais e veciñais do concello. “Este chamamento facémolo despois de iniciar durante este curso este labor e xa ter subidos 600 microtopónimos de Marín a Galicia Nomeada. Agora abrimos este proxecto ao conxunto do concello para superar os 1000 axiña e seguir sumando dun xeito colectivo a esta iniciativa de recuperación toponímica”, explica o académico correspondente.
A homenaxe arrincou no propio colexio San Francisco nun acto no que tamén participaron o director do colexio, Antonio Traba Miñones, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. O alumnado de segundo da ESO tamén subiu ao escenario para representar unha pequena dramatización coa historia de Marín como fío condutor a través da orixe e signficado dalgúns dos seus topónimos. A obra é outra mostra de como este centro educativo fixo da toponimia “unha compañeira máis” durante este curso dende as aulas de infantil ata as de bacharelato a través de diversas experiencias didácticas, como a creación dun gran mapa, un blog e distintos contidos audiovisuais, engade Héctor Silveiro.
Xa pola tarde, a celebración trasladouse ao Museo Municipal Manuel Torres, onde o técnico da RAG Vicente Feijoo impartiu unha charla sobre a importancia de salvagardar e difundir a toponimia a través da plataforma Galicia Nomeada, ademais de falar do significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Marín. A intervención, orientada a implicar a veciñanza e as asociacións culturais do municipio no traballo iniciado polo alumnado do colexio San Narciso, enmárcase no programa Toponimízate 2021, que a RAG desenvolve co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.