A académica electa ocupará a cadeira vacante tras o pasamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar a partir das 12:30 horas no salón de actos da Academia (rúa Tabernas, 11 – A Coruña), e que poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da institución. Tras a lectura do seu discurso, daralle resposta en nome da RAG o coordinador dos seminarios de Lexicografía e Terminoloxía, Manuel González González. A celebración conta co apoio do Concello da Coruña.
Ademais de dirixir o novo dicionario bilingüe da RAG, María Dolores Sánchez Palomino codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega, o primeiro deste tipo co que contará o galego, estivo á fronte de numerosos proxecto de investigación e foi a creadora e directora da Rede de Lexicografía RELEX, que uniu oito grupos das universidades galegas e outros seis de distintas universidades españolas e estranxeiras. É ademais investigadora asociada do Centre de Recherche Bretonne et Celtique da Université de Bretagne Occidentale e coordina o grupo de investigación Estudos románicos e comparados (Romanycom) da Universidade da Coruña.
A súa colaboración co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega remóntase ao ano 1990. Cooperou na elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega, foi redactora do Diccionario da lingua galega (1990) e do Diccionario da Real Academia Galega (1997), e unha das redactoras principais do Dicionario da Real Academia Galega dispoñible en versión dixital dende 2012.
A tradución é outro dos campos que cultivou na súa traxectoria. Foi vicepresidenta da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011) e verteu ao galego desde o castelán, o catalán, o francés ou o italiano libros de texto, artigos científicos, obras de literatura infantil e xuvenil e capítulos de series de TVE. Tamén ten realizado tradución inversa cara ao francés. Foi ademais coordinadora lingüística de textos de ensino primario e secundario en galego en Edicións SM.
Como docente universitaria, María Dolores Sánchez Palomino imparte docencia de grao, mestrado e programas de doutoramento na UDC e tamén no European Master of Lexicography, EMLex, mestrado internacional con mención Erasmus Mundos do que forma parte a Universidade de Santiago de Compostela.