'A Galicia do Galicia', homenaxe á cabeceira editada por Paz Andrade

A Fundación Barrié inaugurou, na súa sede da Coruña, unha exposición comisionada polo secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, arredor da vertente xornalística de Valentín Paz Andrade.
Presentación da Exposición A galicia do Galicia
Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia, durante a súa intervención, acompañado de José María Arias, presidente da Fundación Barrié, de Alfonso Paz Andrade e de Xosé Luís Axeitos, comisario da exposición.


Debuxos, carteis, fotografías, correspondencia, exemplares orixinais do xornal ou obxectos persoais son algúns dos materiais que conforman a mostra. Trátase de documentos inéditos na súa maioría e procedentes, entre outras entidades, da Real Academia Galega, que renden homenaxe ao xornal Galicia, unha das cabeceiras máis relevantes da nosa historia xornalística.

A Fundación Barrié súmase á celebración do Día das Letras Galegas coa exposición A Galicia do Galicia (1922-1926), poñendo en valor e á disposición do público xeral o labor xornalístico levado a cabo polo homenaxeado no Día das Letras deste 2012. En palabras do secretario da Academia e comisario da mostra, Xosé Luís Axeitos: "A biografía intelectual de Paz Andrade non se pode explicar sen a súa faceta xornalística e sen Galicia". Porén, a exposición constitúe tamén un documento testemuñal en si mesma, pois "Galicia é a sinatura dos degoiros galeguistas dos anos vinte", conclúe o secretario.

Imaxe da exposición
Imaxe da mostra na que podemos ver a Valentín Paz Andrade, sentado o primeiro pola dereita, co grupo de impulsores e promotores do xornal Galicia.


A inauguración da mostra, que poderá visitarse ata o 1 de xullo, tivo lugar esta mañá na sede da Fundación na Coruña e nela participaron José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Alfonso Paz Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade; e Xosé Luís Axeitos Agrelo, comisario da exposición e secretario da Academia. Arias Mosquera salientou o compromiso da Fundación na promoción dos patrimonios xornalísticos, lingüísticos e cultural galegos, mentres Alfonso Paz Andrade agradeceu a iniciativa da Academia pola recuperación da "laboura interna, de loita e de compromiso que converteu a Paz Andrade nunha figura tutelar". O presidente da Academia, pola súa banda, recoñeceu o traballo renovador do homenaxeado no Día das Letras, sempre atento á produción cultural máis vangardista. Finalmente, o comisario da exposición, Xosé Luís Axeitos, destacou o papel vertebrador do Galicia para a nosa cultura e chamou a atención sobre a fondura e a relevancia histórica dos contidos dun xornal que convocou "as grandes plumas da intelectualidade galega".