A Fundación Barrié elabora unha WebQuest sobre Valentín Paz Andrade

A actividade persegue que o alumnado galego dea nova vida ao xornal Galicia do que Paz Andrade foi impulsor.
Captura de pantalla da portada do webQuest sobre o xornal Galicia

Co gallo do Día das Letras Galegas, a Fundación Barrié, a través da súa canle educativa EducaBarrié, pon a disposición do alumnado galego unha actividade que achega o labor de Valentín Paz Andrade aos máis novos. Concibida especialmente para estudantes de 3º e 4º da ESO da materia de Lingua e Literatura Galegas, esta WebQuest propón o renacemento do xornal Galicia, impulsado e dirixido no seu día por Paz Andrade.

Cada clase traballará en grupo e cada grupo convertirase nun equipo de xornalistas e dinamizadores da cultura galega encargado de elaborar unha edición especial do xornal Galicia, onde se incluirá unha reportaxe completa sobre a figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012 e tamén información sobre a historia e o significado deste día. Os equipos estarán constituídos por cinco persoas que representarán a Valentín Paz Andrade, director e coordinador do xornal; Vicente Risco, escritor e colaborador; Antón Villar Ponte, xornalista e redactor no diario; Manuel Antonio, escritor e colaborador e a Daniel Rodríguez Castelao, xornalista e gráfico.

Con esta actividade póñense en valor o xornalismo e os medios de comunicación, ao mesmo tempo que se achega a tarefa de Valentín Paz Andrade á xente nova.