A Fundación Penzol inaugura a súa primeira mostra sobre Francisco Fernández del Riego

A Casa Galega da Cultura de Vigo acolle ata o 17 de decembro a primeira mostra da Fundación Penzol sobre Francisco Fernández del Riego co gallo do Día das Letras Galegas que este ano lle dedica a Real Academia Galega. A entidade que don Paco dirixiu durante décadas inaugurou no vestíbulo da súa sede unha exposición fotográfica e bibliográfica. A RAG participou na apertura.

A celebración das Letras Galegas de Francisco Fernández del Riego coincide cos 60 anos da creación desta gran festa da cultura galega, que el mesmo propuxo como académico, e mais co 60 aniversario da Fundación Penzol. Francisco Fernández del Riego dirixiuna dende a súa inauguración en 1963 ata meses antes do seu falecemento, e fixo dela un dos centros de maior actividade da súa fecunda traxectoria.

A exposición dedicada a don Paco consta de paneis biográficos e mesas nas que se amosa unha parte importante da bibliografía do homenaxeado. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, interveu na apertura –á que tamén asistiu o académico numerario Xesús Alonso Montero– xunto ao presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga; o seu actual director e comisario da mostra, Xosé Manuel Soutullo; a secretaria e biógrafa de don Paco, Malores Villanueva; o sobriño neto do intelectual Ramón Martínez e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.