O Premio Xurídico de Investigación en Lingua Galega Xosé Luís Franco Grande, creado no 2022, ten como obxectivo fomentar o uso do galego nos traballos científicos no eido do dereito entre o alumnado de grao e mestrado. Na modalidade dirixida ao estudantado da Universidade de Vigo, o xurado concedeu o galardón ex aequo a Raquel Crespo, por un traballo sobre a medida de seguridade de liberdade vixiada pospenitenciaria, e a Lucía Díaz, que presentou unha análise xurídica da vertedura dos granulados que sufriu a costa galega a finais de 2023.
Na modalidade dirixida ás demais universidade do Estado, o premio tamén foi concedido ex aequo, a Diego Suárez, da Universidade da Coruña, e Candela Fernández, da Universidade de Santiago de Compostela. O primeiro participou cun traballo sobre a ocupación de inmobles na xurisdición española. Candela Fernández analizou na súa investigación os usos da intelixencia artificial no dereito español, e afondou nomeadamente no caso do programa RisCanvi, utilizado nos centros penitenciarios de Cataluña para configurar un protocolo de valoración do risco dunha conduta violenta futura.
Os premios entregaranse no transcurso do acto de graduación de Dereito da UVigo, o vindeiro 7 de xuño.