A celebración desenvolveuse na Sede Afundación en Santiago coa participación do director xerente de Afundación, Pedro Otero, o presidente da RAG, a poeta, dúas socias e un socio dos Espazos+60 de Afundación e tres estudantes que formaron parte dos programas interxeracionais cos que Afundación busca fomentar o entendemento e o achegamento entre xeracións. "Aplaudo esta iniciativa como encontro de dous universos. Somos o que se sementa", expresou Víctor F. Freixanes. "A patria do ser humano é o amor que na infancia recibimos das persoas maiores que nos acompañan na vida. E a esperanza da lingua reside neste encontro entre maiores e novos, porque se non a transmitimos aos que veñen detrás, perderemos a noso patrimonio, perdéndonos a nós mesmos".