Só as dúas mensaxes emitidas desde os perfís en Twitter (@AcademiaGalega) e Facebook da Real Academia Galega sobre a elección da autora (un avance e a ampliación coa nova sobre o Pleno) puideron ser vistas por cerca de 60.000 persoas. A estas cifras hai que sumar os importantes fluxos xerados polos contidos xornalísticos que informaron da decisión, así como os chíos de cidadáns e cidadás que manifestaron a súa satisfacción pola homenaxe que se lle renderá á creadora de Anagnórise, un dos grandes éxitos da literatura xuvenil galega.
Tampouco faltaron as mensaxes que, ademais de recordar a súa obra literaria, lembraron con afecto a María Victoria como profesora, a profesión que a trouxo a Galicia en 1963 e que exerceu, despois dunha pequena estadía en Lugo, durante décadas en Pontevedra, a súa cidade de adopción.